viernes. 22.11.2024

Esta fin de semana comeza a I Feira da Cabaza que ao longo de todo o mes de outubro se vai celebrar no municipio tudense.

A Oficina de Turismo acolleu este xoves a presentación a cargo do alcalde, Enrique Cabaleiro, as concelleiras de Comercio, Ana Mª Núñez, e de Cultura, Sonsoles Vicente, Carlos Picho, Juan Carlos Boo e Telmo Alfaya, membros da organización e José Martínez Tato, presidente do club AndaTui.

Areas, Baldráns, Caldelas, Guillarei, Paramos, Pazos de Reis, Pexegueiro, Randufe e Rebordáns acolllerán de forma simultánea e paralela ao longo do mes de outubro exposicións de cabazas e actividades relacionadas con este produto da man de asociacións culturais e veciñais en cada unha delas. Unha mostra de produtos que irá medrando semana a semana, e na que se poderán ver múltiples variedades de cabazas, e algunhas de gran tamaño.

Esta fin de semana, sábado e domingo ás 17.30 h, terá lugar ruta inaugural no tren turístico da Eurocidade no que viaxarán polas parroquias as autoridades e membros da organización. As vindeiras fin de semana repetiranse estas viaxes para que o público en xeral poida achegarse as distintas mostras abertas nos centros culturais. 

A Feira pecharase o sábado 30 e o domingo 31 de outubro en Tui centro cunha gran exposición e venda de cabazas e actividades paralelas con obradoiros tanto para público infantil coma adulto. A cabaza será a protagonista das receitas que cociñarán os chefs Iván Méndez e Alejandro Iglesias dentro do proxecto Eurochef de Eurural. Tamén o tudense Miguel Rodríguez, xefe de cociña do Parador de Tui e Baiona, fará unha demostración gastronómica con este produto. Súmanse a esta iniciativa os establecemento de restauración que durante o mes de outubro incluirán nas súas cartas pratos con cabaza.

Tamén cada fin de semana continuarán as visitas guiadas a pozas e regadíos nas parroquias que leva a cabo o club AndaTui.

Esta mañá na presentación o alcalde, Enrique Cabaleiro, felicitaba aos organizadores desta feira porque dicía “con estas iniciativas facemos concello e facemos país” e expuña que dende o concello “ante unha iniciativa tan importante coma esta o noso deber e a nosa responsabilidade de estar ao lado destes proxectos que son singulares e de moitísimo valor”. Amosou o seu convencemento no éxito desta edición e no crecemento desta actividade en vindeiros anos.

A concelleira de Comercio, Ana Mª Núñez, destacou que esta iniciativa xurdida da man de Telmo Alfaya e Carlos Picho no Bar Pancho en Randufe “este ano pretende dar un salto cualitativo e cuantitativo para impulsar a posta en valor de este produto e tamén recuperar  unha tradición que forma parte da nosa historia.”

A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, indicou que “esta feira é unha demostración de que creando sinerxías coa cidadania, con persoas que teñen gañas de facer cousas, coas diferentes asociacións culturais e veciñais,.. todos xuntos as actividades se poden facer”. 

Juan Carlos Boo  destacou a gran acollida que tiveron cando lanzaron a iniciativa hai uns meses salientando que participación das parroquias “era vital”. Explicou que “a cabaza é un produto noso da terra, con pouco traballo, moi vistoso e con moitos aproveitamentos”.  Para levar adiante esta actividade levaron a cabo plantación de cabazas para “dar soporte” pode facer así unha feira que marque o inicio destas feiras aproveitando o clima favorable para este produto .

José Martínez Tato, do club Andatui, explicaba esta mañá que nas rutas previstas visitarán boa parte das pozas e regadíos existentes en cada parroquia para explicar a importancia que tiñan no cultivo da cabaza.

A feira está organizada pola Asociación Veciñal Monte do Seo de Areas, Comunidade de Montes de Baldráns, Asociación Sociocultural e deportiva a Insua de Caldelas, Asociación Cultural Lembranzas da Terra de Guillarei, Banda de Gaitas San Xoán de Paramos, Asociación Cultural, Deportiva e Xuvenil Aloia de Pazos de Reis, Asociación Sociocultural e Xuvenil O Mosteiro de Pexegueiro, Pancho Cultural de Randufe, e Asociación Cultural San Fins de Rebordáns, contando coa colaboración do Concello de Tui. 

I FEIRA DA CABAZA

LUGARES DE LA EXPOSICIÓN

  • Areas - Centro Cultural
  • Baldráns – Casa da escola
  • Caldelas – Multiusos da Comunidade de Montes
  • Guillarei – Centro Cultural
  • Paramos – Local no Monte das Penizas
  • Pazos de Reis – Centro Cultural
  • Pexegueiro – Centro Cultural
  • Randufe – Pancho Cultural
  • Rebordáns – Centro Cultural

RUTAS GUIADAS

  • Sábado, 2 de outubro ás 10 h. Paramos.  Saída dende o Alto das Penizas
  • Domingo,  3 de outubro ás 10 h. Caldelas. Saída dende o local da Comunidade de Montes na ribeira   
  • Sábado,  9 de outubro, ás 17 h.  Guillarei. Saída dende o casa  cultural
  • Domingo, 10 de outubro, ás 10 h. Rebordáns. Saída  dende  a casa cultural 
  • Martes, 12 de outubro, ás 10 h. Randufe. Saída dende o adro da Guía 
  • Sábado, 16 de outubro, ás 17 h. Pazos de Reis. Saída dende casa cultural no Anxo
  • Domingo, 17 de outubro, ás 10 h. Pexegueiro. Saída   dende a casa cultural
  • Sábado, 23 de outubro ás 17 h.  Baldrans. Saída dende a casa cultural
  • Domingo, 24 de outubro, ás 10 h. Areas. Saída   dende a casa cultural
  • Domingo, 31 de outubro, ás 10 h. Tui centro. Saída dende  o Paseo da Corredoira
  • Inscrición en [email protected])  ata o dia anterior da visita .

Feira da Cabaza