A Xunta insta aos concellos de Vigo, de Nigrán e de Baiona a intensificar as medidas de aforro de auga ante os niveis dos encoros de Zamáns e de Bahíñas, cuxas reservas de auga se sitúan a niveis moi inferiores para a época do ano, ao presentar una ocupación un 25% inferior á do pasado ano.
Esta mañá o xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, mantivo unha reunión á que estaban convocados os concellos de Vigo, de Nigrán e de Baiona, para analizar a situación dos recursos hídricos dos sistemas de Zamáns e de Bahíña.
Nesta reunión, á que non asistiu ningún representante do Concello de Nigrán, Augas de Galicia puxo en común a evolución de ambos os dous encoros, que evidencia a alta demanda de auga da zona, en contraprestación ao baixo nivel de recarga dos mesmos, debido á situación de seca prologada que se vén rexistrando case durante todo o ano.
No encontro, Augas de Galicia solicitou aos concellos datos máis precisos sobre os consumo de auga captada nestes encoros, así como información sobre as medidas que xa se estaban a adoptar e as que prevén tomar ante a situación actual e en caso de empeoramento. O obxectivo é facer un seguimento detallado e coordinado da situación, ao que se comprometeron todos os asistentes á reunión de hoxe.
A situación sobre os niveis de ocupación destes encoros foi adiantada aos concellos por carta, tras a reunión da Oficina Técnica da Seca da pasada semana.
Cómpre lembrar que a Oficina Técnica da Seca, ademais activar a prealerta na bacía do río Anllóns e manter esta situación na conca do Lérez, adiantou a preocupación pola situación dos encoros de Bahíña e Zamáns, dos que se está a facer especial seguimento .
A raíz das análises realizadas pola Oficina Técnica da Seca, Augas de Galicia remitiu a todos os concellos afectados unha carta para advertirlles da situación, e comprometeuse a realizar un contacto específico cos municipios de cada unha de estas zonas, para realizar un seguimento coordinado, tanto da evolución dos recursos hídricos dispoñibles, como das distintas medidas de aforro que se deben de aplicar polas entidades locais para evitar un agravamento da situación.
Despois das reuniós mantidas os pasados días cos concellos que se abastecen desde o Leréz e desde o Anllóns, hoxe Augas de Galicia convocou unha xuntanza telemática cos concellos de Vigo, de Baiona e de Nigrán.
A Xunta prevé manter periodicamente xuntanzas con estes concellos e cos das bacías en prealerta por escaseza durante o tempo que dure esta situación, e insiste na necesidade de colaboración de todas as administracións para fomentar un uso responsable da auga entre a poboación.