“Estamos ávidos de espectáculo”. Así o proclamaba o presidente da Cámara Municipal de Valença (Portugal), Manuel Rodrigues Lopes, na presentación hoxe mércores 5 do MUMI 2021, o encontro profesional das músicas do Minho que se celebrará do 9 ao 11 de setembro. Xunto a el, o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González e representando á organización do MUMI, César Cardoso e Manuel Vicente Roxo. “Non temos dúbida de que o MUMI vai converterse na feira musical de referencia do oeste peninsular”, subliñou Cabaleiro. O encontro do sector musical, que terá programación aberta á cidadanía, repartirá a súa actividade entre Valença e Tui en 2021 e xa ten o compromiso e interese de ambos municipios para 2022. A presentación hoxe mércores 5 no Arquivo Municipal de Valença foi tamén unha celebración da apertura da fronteira terrestre entre Galicia e Portugal tras catro meses de peche.
César Cardoso e Manuel Vicente Roxo, representantes dun equipo organizador con estrutura en ambas beiras do Miño, remarcaron o carácter de punto de encontro que terá o MUMI despois dun ano tan difícil para o sector musical pola pandemia. “O MUMI pode ser o punto de partida para a recuperación creando un espazo de encontro onde vernos as caras e construír unha relación estable entre axentes e empresas galegos e portugueses”, sinalou Roxo. A organización prepara un programa de encontros para empresas e festivais, actividades formativas e obradoiros asi como moita música ao vivo para os dias 9, 10 e 11 de setembro. “No MUMI sabemos da importancia da proxección pública, de programar concertos nas rúas de Tui e Valença abertos á cidadanía. Serán máis de cincuenta concertos nas dúas edicións nun territorio único como é a Eurocidade”, apunta Roxo.
O MUMI é un proxecto que veñen madurando desde hai anos un grupo de empresas culturais de Galicia e Portugal, e que tivo unha edición cero en 2020 en Verín, coincidente en datas co
inicio do confinamento, polo que non puido desenvolverse con plenitude. Na Eurocidade Tui-Valença o MUMI desenvolverá as edicións 2021 e 2022 xa que, tal como sinalou o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, “este territorio é o mellor escaparate para unha Feira coma esta e as institucións imos volcarnos”. Na rolda de prensa, na que tamén estivo presente Sonsoles Vicente Solla, responsable de Cultura no concello de Tui, Cabaleiro fixo fincapé na magnitude e singularidade dun territorio como o que conforman Tui e Valença. “O futuro de Galicia está en Portugal e boa parte do de Portugal está en Galicia. Estamos ante unha das poucas fronteiras en Europa de carácter urbano. Antes da pandemia, catro mil cincocentos vehículos cruzaban a diario a ponte entre Tui e Valença, o cal dá idea das relacións sociais, económicas e culturais que hai establecidas”, afirmou.
Pola súa banda, Manuel Rodrigues Lopes, presidente da Cámara Municipal de Valença, contou que foi dos primeiros veciños en cruzar a Tui o pasado sábado 1 de maio, día no que se levantou o peche da fronteira. “Nós non temos unha ponte, temos unha rúa que nos une, nunca precisamos de pasaportes”, sinalou nun discurso cheo de afectividade e entusiamo por proxectos conxuntos como o MUMI. “Alabo a coraxe o equipo organizador, falamos de dúas cidades interligadas que precisan de horizontes comúns. Durante estes catro meses, Valença botou moito en falta a alegría dos galegos e estou convencido de que Tui non era o mesmo sen a presenza da veciñanza do norte de Portugal. O MUMI 2021 é un embrión de todo o que pode vir nun futuro próximo”, afirmou.
Tres días de música e encontros profesionais en localizacións emblemáticas de ambos municipios. Asi séra o MUMI 2021, que bota a andar tras esta presentación co obxectivo de crear novos mercados para as músicas galega e portuguesa. Artistas, axencias, empresas, profesionais da xestión cultural, xornalistas e público xeral daranse cita en setembro neste evento que conta co apoio económico de ambos concellos, que aportan 15.000 euros cada un deles. Ademais do impacto económico que terá na contorna, desde a organización remarcan o impacto social e mediático dun evento coma este. “O MUMI crea alianzas estratéxicas e iso é fundamental nun momento como o que estamos a vivir”, apunta Manuel Vicente Roxo.