“O Centro Cultural é un edificio de uso intenso para a vida social e cultural do municipio. Acolle a Biblioteca Municipal, a Oficina de Información Xuvenil (OMIX), unha sala de exposicións ademais de outras actividades que se desenvolven no auditorio, polo que a el acuden a diario decenas de persoas”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “O seu estado de conservación en xeral é bo excepto no que atinxe á cuberta, que presenta deficiencias que están a afectar xa a impermeabilización e co tempo afectarían á seguridade tamén. De aí que se trate dunha intervención necesaria e urxente”.
A cuberta do edificio está composta por un recubrimento exterior de tella cerámica sobre unha base de placas onduladas de fibrocemento. Os ganchos metálicos que suxeitan estas tellas na placa están fortemente corroídos, rotos e nalgunhas zonas xa caíron, polo que hai algunas soltas e expostas ás inclemencias do tempo.
“O illamento do tellado está cada día máis comprometido e aumenta ademais o risco de que alguna tella poida caír á vía pública”, apuntou o concelleiro de Cultura, Bienvenido Estévez, “Cabe destacar que o risco de que caída de tellas neste momento é moi baixo, salvo condicións meteorolóxicas extremas, e en calquera caso non na zona de entrada do edificio. Precisamente ese risco é o que queremos evitar”.
O proxecto de reparación do tellado do edificio ascende a 48.065 euros, 33.645 dos cales se financiarán con cargo unha achega da Xunta de Galicia (ao abeiro da liña de axudas para mellora de infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servicios municipais da Vicepresidencia segunda) e os restantes con fondos municipais.