O 2024 é un ano de dobre celebración no Porriño, xa que conmemoramos o 150 aniversario do nacemento do arquitecto Antonio Palacios, celebrado o 8 de xaneiro, e tamén o centenario da construcción dunha das súas obras máis icónicas, a Casa Consistorial.
O Concello do Porriño impulsa unha programación anual para festexar o ano 'Antonio Palacios –Patrimonio do Porriño', efeméride á que se suma a Xunta de Galicia e que inclúe xornadas, rutas ou visitas culturais a localidades onde o arquitecto porriñés traballou e conservan o seu legado.
Hoxe presentouse a axenda nun acto no que participou o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.
O responsable autonómico de Cultura referiuse a Palacios como “o máis importante arquitecto e urbanista da nosa historia recente”. “A súa creatividade única permitiulle deixar unha pegada imborrable no imaxinario arquitectónico de Galicia”, destacou o conselleiro Román Rodríguez, quen engadiu que aínda hoxe “algún dos seus traballos son unha referencia técnica e plástica para os profesionais do sector”.
Tal e como explicou, a importancia da súa obra fai que sexa fundamental “transmitir a magnitude do seu legado” ás novas xeracións con iniciativas como a impulsadas polo Concello do Porriño.
No mesmo sentido se expresou o alcalde, que engadiu que “no Porriño nos sentimos moi orgullosos do legado deixado por un dos nosos veciños máis ilustres, non só na nosa vila, tamén noutras moitas ciudades e por iso queremos que se recoñeza a súa figura e obra na súa terra natal e tamén no resto do mundo”. Lorenzo incidiu en que “os pequenos/as do Porriño e tamén os maiores deben coñecer a importancia do traballo de Palacios e a herdanza que nos deixou, e aínda que sorprenda para moitos/as aínda é descoñecido. Iso ten que cambiar e dende o Concello faremos o necesario para que así sexa e para reivindicar un dos nosos maiores valores patrimonias. Porque Antonio Palacios, tamén é Patrimonio Cultural do Porriño”.
O rexedor quixo agradecer o respaldo “da Xunta de Galicia sen a cal sería imposible ter posto en marcha a programación que hoxe presentamos
.Antonio Palacios, Patrimonio do Porriño
Ademais dunha importante campaña de comunicación que levará a cada recuncho da vila esta celebración, inclúense accións e actividades nos centros educativos, visitas guiadas e tren turísticos seguindo as principais obras do arquitecto, excursións a outras ciudades onde están as súas obras, exposicións, instalacións artísticas, recordos, coleccionables e outras moitas iniciativas para poñer en valor a súa figura e obra.
Destacan a inauguración do Templete de San Luis, que por primeira vez será restaurado en colaboración coa Xunta de Galicia, a creación da Ruta Palacios, a inauguración da Sala de Exposicións Antonio Palacios con orixinais de gran valor e unha mostra fixa que ademais albergará diferentes xornadas de arquitectura con historiadores, arquitectos e investigadores da súa obra, e o lanzamento da Web de Antonio Palacios.
Ademais, tamén está prevista rehabilitación do Templete de San Luis, que actualmente está en fase de licitación por parte da Xunta de Galicia. Trátase dunha actuación que conta cun prazo de execución de cinco meses e coa que se pretende resolver as diversas patoloxías que afectan ao estado da estructura e adecuar a contorna para mellorar a súa presencia no lugar.