O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello aprobou a Estratexia galega de saúde comunitaria en Atención Primaria 2023-2027 co obxectivo de “reforzar as accións para mellorar a saúde desde Atención Primaria e incrementar a formación dos sanitarios neste eido”. O Executivo galego ten previsto investir 1.425.000 euros para o desenvolvemento desta Estratexia que está composta por 4 liñas estratéxicas, 13 obxectivos e 36 accións.
Rueda explicou que esta Estratexia enmárcase no traballo realizado desde hai anos pola Xunta para “impulsar accións de saúde comunitaria” en Galicia, é dicir, que os centros de saúde colaboren con entidades da súa contorna para “mellorar o control das patoloxías crónicas, fomentar bos hábitos alimenticios, a actividade física ou reducir o risco de enfermidades de transmisión sexual ou adicións”.
Ademais de potenciar estes proxectos de promoción da saúde, a estratexia tamén inclúe diferentes accións vinculadas co reforzo da docencia e a investigación en atención primaria para o ámbito da saúde comunitaria. Concretamente, prevese aumentar a oferta formativa relacionada coa saúde comunitaria que está dirixida aos profesionais de atención primaria e, especialmente, ao persoal residente en formación.
Así mesmo, promoverase a presentación de proxectos de investigación a convocatorias, reunións científicas e premios relacionados coa saúde comunitaria en atención primaria. Tamén se fomentará a publicación de proxectos e experiencias sobre intervencións comunitarias desenvolvidas desde os centros de saúde. Por último, organizarase anualmente unha xornada científica sobre a orientación comunitaria da atención primaria.
Prevese, así mesmo, a elaboración dun protocolo de prescrición social de activos comunitarios, a elaboración do programa galego de saúde escolar e o programa galego de prevención da fraxilidade.
Ademais, propóñense numerosas accións de comunicación para colectivos específicos e para a poboación en xeral. Inclúense accións específicas relacionadas coa evolución dos sistemas tecnolóxicos para facilitar o traballo comunitario desde os centros de saúde.
Con esta estratexia preténdese, por un lado, facilitar o deseño e a implementación de intervencións comunitarias aos profesionais de primaria que se inicien neste ámbito, e por outro, impulsar as que xa se viñan realizando. Todo iso co obxecto de influír positivamente no estilo de vida e nos determinantes sociais da cidadanía galega.
Sanidade remarca que as actividades comunitarias realizadas nun determinado territorio coa participación da súa poboación, promovendo a mellora no estado de saúde da mesma, incrementan a súa calidade de vida e o seu benestar e mesmo potencian a capacidade das persoas e grupos para a abordaxe dos seus propios problemas e demandas ou necesidades.
LIÑAS ESTRATÉXICAS
A primeira das liñas estratéxicas recollidas neste documento é reforzar a estrutura organizativa da saúde comunitaria, implementando as medidas organizativas necesarias para promover a orientación comunitaria dentro da actividade habitual da atención primaria. A segunda das liñas é facilitar ferramentas e recursos para a atención comunitaria.
A terceira liña céntrase en desenvolver os tres niveis de orientación comunitaria (educación sanitaria do paciente, dun grupo de pacientes e da poboación en xeral) cun enfoque de equidade.
En cuarto lugar, téntase impulsar a innovación e o coñecemento en saúde comunitaria, favorecendo a investigación e difusión de resultados para a súa mellora continua.
Sanidade subliña que a orientación comunitaria da atención primaria trae consigo un cambio de paradigma que supón a evolución dunha atención sanitaria centrada na enfermidade a outra centrada nas persoas e no seu contexto social. Así, moitos dos problemas de saúde que afectan a poboación teñen a súa orixe nos determinantes sociais e fronte a eles o máis efectivo é unha abordaxe intersectorial e multidisciplinar, a través de intervencións comunitarias que teñen un alto impacto sanitario e social.
TODAS AS CATEGORÍAS DE PRIMARIA
Con esta nova estratexia, Sanidade pretende potenciar, na actual carteira de servizos de primaria, a atención comunitaria a través da inclusión e desenvolvemento de actividades que teñan demostrado a súa efectividade. Tamén quere incluír a atención comunitaria na carteira de servizos e actuacións de todas as categorías profesionais que conforman os equipos do primeiro nivel asistencial.
Preténdese promover cambios na organización e metodoloxía de traballo dos equipos de primaria que propicien e consoliden o desenvolvemento da atención comunitaria, integrando estas actuacións nos acordos de xestión clínica.
Para tal efecto, o Executivo galego creará un equipo técnico e asesor que dinamice e facilite a atención comunitaria en primaria e que apoie os profesionais na elaboración, execución e avaliación de proxectos, e no cal se integre persoal directivo das áreas sanitarias.
Elaborarase unha guía metodolóxica que sirva como referencia para todos os profesionais que desexen realizar ou deseñar unha actividade comunitaria. Así mesmo, incluirase un módulo dentro da historia clínica electrónica dos pacientes onde se rexistren este tipo de actividades, o que facilitará a súa implementación, seguimento e avaliación.
Ademais, tal e como resaltou Rueda, “vaise definir un mapa de recursos sociocomunitarios de cada zona básica de saúde, permanentemente actualizado” e que deberá estar dispoñible para os profesionais (dentro da historia clínica electrónica) e para a cidadanía (lugares onde se pode realizar actividade física, asociacións de pacientes, asociacións de veciños, grupos de axuda, entidades sen ánimo de lucro, etc.).
Tamén se integrarán as actividades comunitarias na axenda dos profesionais que conforman os equipos de primaria con tempo suficiente tanto para desenvolvelas como para a súa programación, preparación, coordinación e avaliación.
O departamento sanitario galego desenvolverá un plan de formación continuada para todos os profesionais de primaria co obxectivo de fomentar o traballo en equipo, a orientación comunitaria e a abordaxe multidisciplinar no proceso saúde-enfermidade nos centros de saúde.
ACTUACIÓN PRIORITARIA
A saúde comunitaria é unha liña de traballo prioritaria da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, como xa se reflectiu no Plan galego de atención primaria 2019-2021, no cal se recollía o obxectivo de implantar a acción comunitaria como unha actividade normalizada nos centros de saúde. No documento estratéxico «Por unha atención primaria vertebradora do sistema de saúde» púxose de manifesto a necesidade de reforzar o actual modelo de saúde comunitaria desenvolvido na atención primaria a través dos plans locais de saúde.
Os plans locais son instrumentos de xestión estratéxica adaptados ás necesidades e características de cada territorio e permitirán adaptar o modelo de saúde comunitaria proposto nesta estratexia a cada servizo de atención primaria de maneira individualizada.
Na actualidade o Sergas conta con 43 servizos de atención primaria con plan local de saúde, os cales viron incrementada a actividade que realizan fóra das paredes do centro de saúde de maneira significativa. Para o vindeiro ano está previsto dotar dun plan local de saúde o 50 % dos servizos de primaria, co obxectivo de continuar a súa extensión de forma progresiva ata acadar o 100 % a medio-longo prazo.
Cómpre sinalar que, no ámbito da saúde pública, o plan máis relevante e con influencia directa sobre a orientación en saúde comunitaria da atención primaria é o Plan de acción para a prevención do sobrepeso e a obesidade en Galicia 2022-2030 (Obesidade Zero).