domingo. 24.11.2024
Galicia

Rof Codina un científico entusiasmado pola sociedad rural galega

A RAGC homenaxea no Día da Ciencia en Galicia ao impulsor da veterinaria Juan Rof Codina, “un científico excepcional que conseguiu mellorar radicalmente a sanidade e a produtividade do sector gandeiro”.

Juan Lema, presidente da Academia: “É un magnífico exemplo de coñecemento científico aplicado ao servizo da sociedade”.

O historiador Lourenzo Fernández Prieto salientou que “o que máis asombra de Rof Codina, de orixe catalá, é “o inmediato entusiasmo que sentiu pola sociedade rural galega, a súa agricultura e a súa gandaría”.

Durante a mañá celebráronse outros actos para honrar a figura de Rof Codina. Colocouse unha placa conmemorativa no Parque das Ciencias, coa colaboración do Concello de Santiago. E presentouse o libro Juan Rof Codina. Unha referencia na agricultura e a gandaría galegas do século XX”, coeditado co Consello da Cultura Galega. A publicación conta con limiares de Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega; do presidente da RAGC; e do académico Antonio Rigueiro; e inclúe artigos do experto Diego Conde sobre Rof Codina como referente na mellora agropecuaria galega; José Luis Factor, académico da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia, sobre a evolución da profesión veterinaria; Alberto Portela, vicepresidente da Asociación Española de Historia da Veterinaria, sobre a evolución dos estudos de veterinaria en Galicia; e Laura Arias, secretaria executiva de Acruga, sobre a aportación de Rof Codina ao recoñecemento da raza rubia galega.

O Día da Ciencia en Galicia é unha efeméride promovida pola RAGC que pretende a  promoción social da ciencia, salientando a vida e actividades daquelas personalidades que destacaron pola súa achega ao desenvolvemento científico na nosa comunidade.

Comentarios
Rof Codina un científico entusiasmado pola sociedad rural galega