Hai quince días acompañei á Estación Intermodal ao meu amigo Vicente, rumbo a Almaty. Chegou alá dous días despois, logo de coller o tren Santiago-Madrid, durmir na casa dun amigo na capital e coller un avión de Turkish Airlines que facía escala en Estambul. Entre as horas do tren (catro) e do avión (doce), polo que lle entendín, pasaría dezaseis horas viaxando; o cal non é pouco.
Ata pouco antes de marchar intentou convencerme que lle acompañara pero, a pesares de que lle deixei moi claro que non ía a ir nin de broma, cheguei a dubidar se sería quen de manterme no meu absoluto non.
Polo que me contou Vicente, aínda que non é a capital, Almaty é a cidade máis importante de Kazajistán e está no sur do país nunha zona montañosa por onde pasan dous ríos.
Meu amigo Vicente, ao que algúns chaman Indiana Jones, é un gran montañeiro. Cando sae a andar ponse un sombreiro parecido ao do famoso arqueólogo e leva dous bastóns metálicos extensibles. Nas subidas apoiase con eles dende atrás e nas baixadas por diante para evitar resbalar. Tamén os utiliza para facer fuxir aos cans.
A diferenza de Indiana, que non tiña móbil, mira este continuamente para ver a distancia que vai percorrendo e o número de pasos, o desnivel e a velocidade da súa marcha, así como os cambios de temperatura que hai nas zonas máis frondosas.
Na última saída ao monte Pedroso que fixen con el, leu as pegadas do chan como se fora un apache. Isto é unha bici, isto unha moto, isto un cabalo e isto é un can... Aquí pasaron dous cabalos que ían que para abaixo e aquí outro que ía para arriba...
Durante todo o traxecto foime explicando o tipo de árbores e plantas que íamos vendo como se fose un botánico. Os montóns de pinaza nos camiños indican a forza da choiva; advertindo os grandes que foi máis forte porque canto é máis potente se xunta máis pinaza. Cos formigueiros que hai no medio dos camiños pasa algo parecido pois, cando a choiva inúndaos, as formigas teñen que volver a facer outro novo. Se as formigas tiveran os coñecementos de Vicente, en vez de facer a súa casa nos camiños, faríana nas súas lindes e inundaríase menos.
A metade do traxecto díxome que polo sitio que estábamos a andar non había paxaros porque prefiren estar na cidade ou onde hai casas porque alá atopan alimento. Tamén me fixo caer na conta de que no río había algún pato pero non moitos, porque ao estar rodeado de tantos árbores e pólas resúltalles moi difícil amenizar. Por iso, só o fan nos claros que saben co que se atoparán: pedras, pouca auga...
As veces que Vicente se atopa cun algún can que ladra, mírao aos ollos e, de estar este no centro do camiño, pasa sempre entre el e a súa casa para humillalo e deixar claro que non lle ten medo.
Cando ao rematar o percorrido propúxenlle facer algunha saída mais, díxome que encantado pero non cada semana porque, aínda que camiñamos 140 minutos, cando sae a camiñar anda cen minutos pero rápido porque así fai máis exercicio e perde peso.
Como ía a ir a Kazajistán con Vicente de vacacións, sabendo isto? De telo feito, de seguro, agora mesmo estaría perdido nas montañas dese país sen saber descifrar as pegadas dos camiños nin defenderme dos animais cos que me atopara; e, o que é peor, sen bastóns extensibles nin o sombreiro de Indiana Jones. Por iso creo que, a pesares do moito que me insistiu, fixen moi ben e non acompañalo. Mellor deixalo para o ano que ven...