A viaxe que fixen no Pelegrín Tres pola ría de Arousa co meu amigo Manolo hai uns días foi case perfecta. Como saímos un pouco xusto de Santiago, necesitabamos atopar un sitio para aparcar pois o barco saía ás 12,30 h. Despois de comprobar que nos arredores do múelle de O Grove non había ningún sitio baleiro, tivemos a sorte de atopar un coche que deixou libre a súa praza un segundo antes de que pasaramos por diante.
A segunda preocupación era o mal tempo pois non deixaba de chover e como por arte de maxia, nada máis subir ao barco, escampou.
Un instante despois de subir ao Pelegrín Tres comezamos a gozar das vistas da ría dende dentro e a escoitar as explicacións que daban pola megafonía. Na ría hai mariscadoras de ameixa, navalla e berberecho.
En Galicia nos polígonos de bateas hai unhas 3.300. Anualmente producen 250.000 toneladas de mexillóns. A maioría están construídas en madeira de eucalipto, que é moi flexible no mar. Algunhas destas vigas, da mesma árbore, chegan a alcanzar os 25 metros de lonxitude.
Os flotadores da batea son os tanques, construídos de aceiro e cubertos de poliéster. Os flotadores non se desprazan e están suxeitos no fondo da ría por unha cadea ancorada a un enorme bloque de formigón, que pesa ao redor de 20 toneladas. Deste xeito a batea pode subir e baixar coas mareas sen que se vaia.
Poucos minutos despois de partir, paramos xunto unha batea dende a que nos ensinaron os diferentes tipos de cordas que colgaban dela.
A primeira que nos amosaron foi unha corda de mexillón. Como este levaba poucos meses na batea, a corda era bastante delgada. Para que o mexillón alcance o tamaño comercial ten que pasar un ano na batea. Pasado este tempo a corda chegará a pesar máis de 200 quilos e haberá que sacalo cunha grúa hidráulica capaz de subir tres cordas á vez, que poden chegar a pesar ata 700 quilos.
Despois amosáronos unha corda de vieira. As vieiras levaban dez meses na corda e en dous meses máis xa estarán listas para a venda. Non hai falla darlles de comer cada día porque fano por se mesmas. Comen plancto e, igual que o mexillón, filtran entre 7 e 8 litros por hora e devólvenos á auga que expulsan totalmente limpa e filtrada.
Ao presentarnos unha corda de ostra dixéronos que estas son moi fráxiles e vulnerables. Por iso métenas nuns cestos, introdúcenas na auga e cando teñen unha medida aceptable pásanas á corda. Van pegadas de tres en tres á corda e este labor realízano habitualmente mulleres. Fan ao redor de 80 cordas ao día, colgando de cada unha 120 ou 130 ostras que cortan como se foran coitelas de afeitar.
Durante a viaxe ofrecéronos unha degustación de mexillóns, acompañado de Viña Canceleira, e contaranos que no barco organizan un xantar de marisco e boi ás 14,30 h e outro igual ás 21 h con música e baile mentres o barco se move pola ría como se fose un Titanic indestrutible.
Pouco antes de regresar, como colofón, cinco pequenos delfíns acompañáranos durante un rato saltando e mergullándose na auga como se quixeran despedirse de nós. Despois do vivido, Manolo e eu decidimos que volveríamos outra vez ao Pelegrin Tres de seguro. Aínda que non sabemos a que hora; pois mentres a min gustaríame volver a ver os delfíns, Manolo -máis festeiro- quere ir ao baile nocturno. De non haber acordo, lanzaremos unha moeda ao aire.