jueves. 21.11.2024

Todos

Ricard pasa os fins de semana na casa familiar en Sabadell e de luns a venres vive nunha residencia en Sant Boi de Llobregat, na que goza cos seus amigos, con Dumbo (un coello moi grande que sempre está  durmindo) e todas as actividades que fan. 

Hai uns días viaxei a Sabadell para celebrar o 55 aniversario de Ricard. Meu irmán Ricard ten síndrome de Down e é unha das persoas máis felices que coñezo.

As palabras que din máis veces cando falo con el os sábados por viedochamada dende Santiago, ademais do meu nome, son as dos meus irmáns Xavi, Josep, Albert, Nuri e Montse.

Ricard pasa os fins de semana na casa familiar en Sabadell e de luns a venres vive nunha residencia en Sant Boi de Llobregat, na que goza cos seus amigos, con Dumbo (un coello moi grande que sempre está  durmindo) e todas as actividades que fan. Dende ir á piscina, regar o xardín, bailar e cantar, saír de excursión ou pintar cartolinas. Tamén goza moito cos cans e sempre que saímos a tomar unha Coca-Cola e pasa un, despois de pedir eu ao dono se pode acaricialo, faille unha grande caricia.

Nas apertas e os bicos, meu irmán é un campión e de cando en vez tira forte do meu brazo para que faga ao mesmo. A última vez que entramos nunha pastelaría, despois de bicar á dependenta, tirou de min para que fixera o mesmo. E ao cruzarnos cun mantero cheo de tatuaxes que parecía un loitador de loita libre, tiven que darlle tamén unha aperta tras facelo el.

Hai anos, xogando ao parchís, ao simular nosa aboa que choraba porque tiña perdido algunhas pesetas, Ricard -sen pensarllo dúas veces- deulle todas as que tiña.

As cancións que máis lle gustan, con diferenza, son as de Gaby, Fofo e Miliko, sobre todo Había una vez un circo; que todos nos sabemos de memoria.

Como na residencia ten o encargo de subir as persianas das habitacións cando se levantan, cando está na casa fai o mesmo con independencia de se tes previsto levantarte máis tarde.

Na época que ía á escola en Sabadell, un día saíu fóra sen que ninguén se dera de conta e se perdeu. Despois de que miña nai e eu percorreramos as rúas máis próximas, como non o atopabamos, fomos ao hospital e de seguido, como non estaba, á Policía. Ao cabo de tres horas, cando anoitecía, un policía atopouno nunha praza sentado nun banco. Nese intre eu estaba dando voltas en coche por toda a cidade, desconsolado. E cando parei nun bar para chamar a casa (o móbil non existía), miña nai díxome que acababan de atopalo!

As palabras que sabe meu irmán, que non sabe dicir frases, son as básicas. Ao principio se lle facías unha pregunta tipo “O can é guapo ou feo?” dicía a palabra final. Aínda que despois aprendeu a contestar ben, pois estaba en xogo saír a dar unha volta ou a tomar unha Coca-Cola.

Ricard non sabe moitas palabras nin pode quedar só na casa ou contestar ao teléfono. Pero o seu sorriso permanente e o seu corazón son marabillosos. Se todos miraramos a todas as persoas cos seus ollos, o mundo sería distinto. Por isto as palabras que din máis despois dos nosos nomes, con gran diferenza, son “todos” e “xuntos” -case sempre seguidas-.

Todos
Comentarios