Meu amigo Xan, polo que me conta, adica varias horas diarias a mergullarse na realidade virtual e parece máis metido nesta que na que pisamos a maioría dos mortais cando nos levantamos para ir ao curro ou facer deporte o fin de semana.
Cando me fala do metaverso e do avatar ou rol que ten neste, non acabo de entender porque vive con tanta paixón o que sucede nese mundo paralelo; pois, aínda que gocei moito vendo a película Avatar, non son quen de vivir coa mesma intensidade o que ocorre no mundo real que o que pasa nunha película.
Mergullarse nese mundo, ao principio, só era unha actividade máis das que Xan practicaba no seu tempo de lecer. Pero, pasiño a pasiño, foi copando un espazo cada vez máis amplo ata ocupalo case todo enteiro; e quedar con el resulta imposible porque está todo o tempo metido nese vaporoso mundo.
Cando Xan métese no metaverso desaparece todo o demais ata tal punto que, cando sae del, perde o interese por todo; e só espera poder volver canto antes a el porque as demais cousas xa non lle din nada.
En Avatar o protagonista, ao final, decide quedarse no mundo virtual para sempre porque é máis feliz nel, aínda que a película o presenta como se elixira entre dous mundos reais. Ou iso parece, pois segundo o guionista o metaverso era tan real como o mundo que pisamos porque, despois de se namorar dunha na’vi dun tribo parecido aos humanos, rompeu totalmente co primeiro porque xa non lle atopaba sentido.
Outra modalidade que ten enganchado a Xan son os xogos on line, nos que compite con máquinas ou descoñecidos que pugnan por dominar un territorio virtual, eliminar ao inimigo ou en crear empresas imaxinarias que non existen.
No metaverso as persoas actúan e intercambian experiencias virtuais usando un avatar nun ciberespacio parecido ao mundo real, pero que non ten as súas limitacións. E cando esa contorna simulada devórate, a familia, a noiva e os amigos pasan a un segundo plano.
A última vez que vin a Xan, contoume que xa está a quedar outra vez coa familia e os amigos: por iso puiden volver a velo. Aínda que esta vez xa non me dixo Son un holograma, como hai un ano, senón que quería recuperar o tempo perdido e a súa noiva.