viernes. 27.12.2024

O bosque animado

No seu libro “A vida secreta das árbores”, Peter Wohlleben conta multitude de detalles sobre como son e viven as árbores. Aínda que case ninguén o sabe, as árbores comunícanse entre si e teñen emocións e recordos.

No seu libro “A vida secreta das árbores”, Peter Wohlleben conta multitude de detalles sobre como son e viven as árbores. Aínda que case ninguén o sabe, as árbores comunícanse entre si e teñen emocións e recordos.

Xa desde pequeno soñou con ser gardabosques e, despois de selo durante moitos anos, agora dirixe unha academia forestal en Alemaña e dá conferencias sobre a conservación da natureza. Baseándose nos descubrimentos científicos, explica que as árbores senten, teñen memoria e transmítense coñecementos.

Nunha das moitas entrevistas que lle fixeron, Wohlleben comentou que as árbores son seres sociais. Están conectados a través das raíces e teñen a capacidade de distinguir as raíces doutras especies e os diferentes exemplares da súa.

Cada árbore é importante para o bosque e facilita aos que están enfermos os nutrientes que necesitan. Poden competir ferozmente con outras especies, pero tamén establecer amizade e vixiar que ningunha póla demasiado grosa creza en dirección do outro. As árbores igualan as súas debilidades e as súas forzas.

A través das raíces ten lugar un intercambio activo, de modo que a árbore que ten moito cede e a que ten pouco recibe axuda. Grazas a esta conexión as árbores adultas entran en contacto cos pequenos e proporciónanlles sucre e outros nutrientes. Forman un espeso teito sobre o bosque e só deixan pasar un tres por cento de luz para que os pequenos non medren demasiado rápido.

Moitos botánicos afirman que as árbores teñen estruturas similares ao cerebro nas puntas das raíces. Por unha banda, son capaces de rexistrar e distinguir as temperaturas en ascenso da primavera das que están en descenso durante o outono. E, por outro, comunícanse mediante substancias odoríferas. Cando se aproxima un perigo, a acacia avisa ás súas congéneres emitindo etileno, un gas de aviso. En cambio, as plantas de cultivo perderon a súa capacidade de comunicarse e son moi vulnerables aos insectos.

Sobre as árbores da cidade, Wohlleben di que igual que nas plantacións forestais, debido a poda  e plantación, as raíces quedan danadas e xa non poden formar unha rede. Ao retirar unha gran parte das pólas, redúcese a fotosíntesis e unha gran parte das raíces morren de fame.

En “O bosque animado” Wenceslao Fernández Flórez describe a fraga de Cecebre como un lugar onde as árbores de distintas especies relaciónanse entre si, e falan entre eles coma se fosen seres humanos. Nese libro -escrito no 1943- Fernández Flórez, sen pretendelo, adiantou algunha das cousas que hoxe di a ciencia. Coidemos ás árbores. Merécenllo.

 

O bosque animado
Comentarios