No seu libro “A arte da felicidade” o médico, teólogo e antropólogo Alfred Sonnenfeld, que no 2023 deu unha conferencia no Colexio Peleteiro de Santiago, fala sobre a interconexión existente entre os nosos xenes e o noso cerebro. Cando unha persoa sabe ilusionarse e ver as cousas en positivo, no seu cerebro medran sustancias neuroplásticas que actúan como o abono na terra.
Se optamos por unha vida boa, os nosos xenes poden contribuír a mellorar a saúde; o cal implica actuar querendo non só o propio ben senón tamén o dos outros. Cando se fai o ben, os xenes actívanse de forma positiva aumentando as nosas forzas autocurativas, cicatrizando mellor as nosas feridas e medrando as defensas fronte ás infeccións. Que o funcionamento do noso sistema inmunolóxico depende moito da nosa actitude ante a vida, é unha evidencia.
Coidar os nosos vínculos -os humanos- é moi importante porque o noso cerebro é un cerebro social que necesita coidar as relacións humanas. Igual que facer algo de exercicio físico todos os días axuda ao hipocampo, que é unha parte do cerebro que permite que a memoria se desenvolva mellor. Manternos interesados polas cousas, estar ao día, como cando alguén estuda un idioma, tamén é moi importante. E, todo isto, sen esquecer a dieta, durmir ben e manexar ben o estrés; sen prexuízo de que teñamos un pouco (o cal é necesario), pero evitando o perigo de que sexa excesivo.
Para Sonnenfeld o peor que podemos facer é ter una actitude pasiva ante a vida, pois cando se cae nisto existe o perigo de desembocar na demencia. Na vida, como dicía Einstein, hai que ter e mostrar interese polas cousas, sentir curiosidade por todo e amosar paixón polo que se fai. Cando isto non se dá prexudica especialmente a saúde e o sistema inmunolóxico, o cal depende moito da actitude ante a vida que temos.
O noso cerebro non está programado polos sistemas xenéticos, pois se reestrutura constantemente dependendo das experiencias que vamos tendo. Se viviramos no Amazonas poderíamos distinguir ata 120 tipos de verde, pero en España basta con distinguir verde, moi verde e pouco verde. Pero o que nos fai más felices é cando descubrimos algo por conta propia e nos entusiasmamos con elo, o cal produce que as prolongacións das neuronas liberen unhas sustancias mensaxeiras especiais. Sempre que nos entusiasmamos con algo que nos chega moi a dentro no noso cerebro, o potencial neuroplástico -a capacidade de rexeneración das nosa forzas autocurativas- se desenvolve moito mellor. Igual ocorre cando nos focalizamos no prosocial, animando a outras persoas ou aos nosos fillos con esas catro palabras máxicas: invitar, animar, inspirar e entusiasmar.
Abandonar a zona de confort e saír do piloto automático do estado pasivo é moi bo para o cerebro, fainos felices e inmunízanos ante moitas enfermidades. O secreto non radica tanto no talento nin no coeficiente intelectual como no desexo de mellora constante, que combina a paixón coa perseveranza. A idea é gozar traballando, gozar sempre. Algunhas persoas fan o mínimo no seu día a día e so pensan no fin de semana, sendo importante aprender a gozar da vida no seu conxunto.