domingo. 08.09.2024

Inmediatez

Polo que parece, a inmediatez está a entrar nas nosas vidas dun xeito imparable. Xa sexa pola intensificación dos ritmos de vida e de traballo, que algúns chaman “rapidación”, como pola súper dixitalización que invade cada vez máis espazos.

Polo que parece, a inmediatez está a entrar nas nosas vidas dun xeito imparable. Xa sexa pola intensificación dos ritmos de vida e de traballo, que algúns chaman “rapidación”, como pola súper dixitalización que invade cada vez máis espazos.

Cando o uso do móbil non se xestiona ben, a calidade de vida persoal e relacional decae, xerando adiccións das que non é fácil librarse.

Segundo un estudo realizado no 2022 nos EEUU, mentres no ano 2019 os adultos miraban o móbil unha media de 96 veces ao día (unhas cinco horas diarias), no 2022 facíano 352 veces, prestándolle atención cada tres minutos.  

No que respecta a España, mentres antes da pandemia un de cada catro consumidores tiña síntomas de dependencia do móbil, despois do confinamento e o aumento da dixitalización estes síntomas tamén medraron (datos da OCU). Sobre todo nos menores de 20 anos, dos cales o 37% pasan más de seis horas diarias co móbil (estudo de Cáritas do 2022).

Así como o uso axeitado dos dispositivos dixitais permite realizar multitude de tarefas mellor e traballar con máis eficacia, o mal uso -pola contra- xera ansiedade, a diminución da capacidade de concentración e o illamento. Respecto este último estamos cansos de ver persoas que pasean xuntas ou están tomando unha cervexa nunha terraza e prestan máis atención ao móbil que a quen teñen o seu carón; o cal acaba prexudicando a súa relación por transmitir falta de interese.

Se na aldea danesa onde transcorre a película de O festín de Babette -que gañou un Oscar no 1987- tiña habido móbiles, probablemente, o festín tiña sido un desastre.

As protagonistas da película, que viven nunha sociedade dominada polo puritanismo, son dúas irmás anciáns solteiras que simbolizan a ríxida educación que recibiron; e Babette -procedente de París sen ningún peso-, a quen acollen na súa casa.

A chegada de Babette suporá un xiro na maneira de ver a vida de toda a aldea. Sobre todo cando, despois de tocarlle a lotería, organiza unha cea cos mellores pratos e viños da gastronomía francesa para elas e todos os veciños. E a pesares de que estes acordaron non dar ningunha mostra de satisfacción porque podería ser pecaminoso, ao final ceden á maxia do marabilloso festín.

Para gozar dun festín e das cousas pequenas de cada día, non hai nada mellor que ter os ollos abertos á realidade que nos arrodea. Senón somos quen de desconectar do mundo dixital tres minutos seguidos, dificilmente interactuaremos cos que temos ao lado nin crearemos lazos de auténtica amizade.

Estamos acostumados a querelo todo e de inmediato, nun mundo onde a presa -en especial no eido dixital- tense convertido nunha constante. Así como a inmediatez produce ansiedade e dificulta tanto a reflexión como estar pendentes do outro, a paciencia permite dar prioridade e gozar daquilo que é máis importante en cada momento.

 

Inmediatez