domingo. 24.11.2024

Grazas, por favor

A palabra ola, xunto con grazas, perdón e por favor, é un dos grandes inventos da linguaxe. Un pode ser máis ou menos culto pero, cando estas faltan, ese ser culto serve de pouco.

A palabra ola, xunto con grazas, perdón e por favor, é un dos grandes inventos da linguaxe. Un pode ser máis ou menos culto pero, cando estas faltan, ese ser culto serve de pouco.

Neste asunto os británicos probablemente van por diante, por ser quen de discrepar sen deixar de dicirse nunca “sir” ou “miss” e gardar as formas en todo momento. Aínda que sendo isto certo, por outra banda, son bastante clasistas porque o acento da fala clasifícaos nunha ou outra clase social; producindo un grande distanciamento entre quen teñen o acento da city respecto o resto.  

Imaxínanse aos nosos políticos botándose barro, como sucede cada día no Congreso, chamándose “miss” ou “sir”?  Eu hoxe por hoxe non mo imaxino; pois o Congreso parece máis unha gaiola de grilos que non se escoitan nin respectan que un lugar onde debater e confrontar ideas para construír un país mellor.

Sobre o recurso de alzar a voz para convencer a quen discrepa, podería dicirse o mesmo. A conto de que hai que presupoñer que nun intercambio de opinións ten razón aquel que máis berra, cando normalmente actúa así aquel que vai máis curto de argumentos?

Outro aspecto positivo dos británicos é que, ao argumentar, soen comezar dicindo “baixo o meu punto de vista” ou “entendo” para defender as súas ideas. Todo o contrario ao que sucede noutras lareiras, en que as cousas son “así” porque non poden ser de outra maneira e punto. Pola contra, en Gran Bretaña as persoas que defenden unha idea cunha contundencia desmedida, non gozan de excesiva simpatía e case sempre teñen as de perder.

A palabra inglesa “education” é unha das palabras que os profesores de inglés denominan “false friend” (falsos amigos) porque fannos crer que queren dicir o mesmo que en castelán, pero o seu significado é totalmente distinto. Deste xeito, mentres para os británicos unha “educated person” é unha persoa con estudos e “illiterate” unha persoa analfabeta, para referirse a alguén amable ou atento utilizan a palabra “polite”.  

As palabras por favor, grazas e perdón son máis que unha formalidade porque denotan respecto, agradecemento e atención polo outro. Igual que as palabras ola, bo día ou boa tarde, que non dicimos só a quen coñecemos senón a todo mundo sen distinción. Somo seres relacionais que necesitamos dos outros, igual que os outros necesitan de nós. Vivir ensimesmados sen saír da propia burbulla, aínda que teñamos problemas (quen non os ten?), non é san. Nin para nós nin para os demais.

Xerar vínculos, intuír a situación -quizás complicada- pola que atravesa o outro e dicir unha desas palabras, acompañadas dun sorriso, axuda a crear un hábitat social máis positivo e amigable. Así como o hábitat natural constrúeno a natureza e a arquitectura, o social tamén o construímos coas palabras.

 

Grazas, por favor
Comentarios