jueves. 21.11.2024

Emprego digno

Na última xornada que Cáritas Diocesana de Santiago organizou sobre o emprego, despois de darse algunhas claves sobre a situación actual, traballáronse varios casos prácticos.

Na última xornada que Cáritas Diocesana de Santiago organizou sobre o emprego, despois de darse algunhas claves sobre a situación actual, traballáronse varios casos prácticos.

Ao principio María Lourdes Mirón, profesora da Facultade de Psicoloxía da USC, comentou como en xeral as mulleres ocupan postos de traballo máis baixos, sendo unha das causas a educación recibida. Dende pequenos ensínanos cousas distintas ás nenas que aos nenos e por iso ao redor do 70% dos estudantes de psicoloxía son mulleres e moi poucas enxeñeiras.

As nenas ensínanlles menos cousas de liderado, como pode deducirse de que en quiñentos anos na USC nunca houbo una reitora e, dos catorce grupos de investigación da facultade, só tres estean dirixidos por mulleres. E iso que na universidade hai moita máis igualdade que noutros ámbitos e é nela apréndese liderado. Ademais é máis fácil que as mulleres aprendan este tipo de cousas (o rol masculino) que os homes o feminino; e o estilo de liderado destas é democrático e ten en conta os propios intereses e tamén os do outro.

Logo, no debate, falouse da necesidade de facilitar a conciliación e de que no eido laboral entre o home e a muller, sendo diferentes, sigue habendo grandes diferenzas.

De seguido, Xiana Zapata, directora da consultora Recursos Galicia, que ofrece formación ás empresas, contou que, despois de traballar catro anos nunha empresa na que todos eran homes, decidiu saltar e crear a súa propia empresa despois de comprobar que non ía a poder promocionarse máis. Agora ten unha empresa de sete persoas e ten claro que o primeiro é a vida das persoas e despois a empresa.

Na súa empresa hai unha bolsa de horas para que os traballadores teñan vida, non só para os que teñen fillos; e, aínda que o convenio é de 39 horas semanais, elas teñen 38 horas. A máis traballan só dous días pola tarde, poden coller as vacacións cando queiran -agás todos á vez- e hai teletraballo -o presencial é de dous días á semana-.

Sobre a desigualdade lembrou unha viñeta na que aparece unha parella saíndo do traballo na que ela ten na cabeza os nenos, a compra, as medicinas e a cociña; e el o sofá, a tele e o fútbol. E iso que os dous levaban a mesma carga de traballo encima. E ao preguntárselle se no mundo laboral hai malas prácticas, contestou que por parte da empresa si e do traballador tamén. 

Posteriormente Miguel Fernández, responsable de Emprego de Cáritas, comentou que a subida do Salario Mínimo Interprofesional (SMI) foi fundamental, igual que a reforma laboral; aínda que esta última con algunha trampa, como por exemplo o período de proba de seis meses que existe nalgúns contratos. Hai que mellorar as leis que regulan a compatibilidade das prestacións sociais e o traballo pois, se este é precario -como cando é a xornada parcial- non serven. Cando unha persoa gaña 300 ou 400 € mensuais non podemos dicir que non quere traballar.

Respecto ao sector dos coidados, sinalou que a profesionalización que está a ter lugar fai que as condicións laborais melloren, pois antes para coidar a unha persoa maior servía calquera e agora non.

Tamén é necesario modificar a lei de estranxeiría, aínda que coa última reforma hai un arraigo novo para a formación de dous anos. Chama a atención que habendo persoas que demandan servizos de coidados e ninguén para prestalos, haxa un gran número de inmigrantes en situación administrativa irregular que poderían facelo pero non poden.

Por outra banda, en España hai máis persoas sen papeis que noutros países, entre outras razóns porque a economía irregular é máis alta. Se unha persoa nesta situación leva seis anos aquí e ninguén lle ofrece un contrato de traballo a xornada completa non pode regularizarse, pois agora ten que ser un contrato indefinido.

A lei obriga a pagar o SMI (1.080 € mensuais en 14 pagas) en todos os casos de xornada completa. Se o salario fora de 1.500 € mensuais, cabería pagar en especie ata o 30% pola habitación e a comida, pero sen diminuír o importe dos 1.080 €.

Dos oito casos prácticos que se presentaron, dous foron sobre os Empregados de fogar. Nun deles unha interna traballaba de luns a venres e descansaba o fin de semana, tendo unhas horas de descanso diarias sen poder saír da casa por se xurdía unha urxencia. O dito descanso contravén a lei porque ten dereito a poder saír un tempo cada día (senón non hai descanso) e, por iso, non é un emprego digno.

 

Emprego digno
Comentarios