Hai un mes o Papa Francisco volveu a alertar sobre as graves consecuencias do cambio climático, despois de traballar a primeira parte do documento (Laudate Deum) con científicos expertos de distintos países.
Hoxe podemos verificar que nos últimos cincuenta anos a temperatura aumentou cunha velocidade inédita, sen precedentes nos últimos dous mil anos. Neste período a tendencia foi dun quecemento de 0,15 graos centígrados por década, o dobre do ocorrido nos últimos 150 anos. Desde 1850 a temperatura global aumentou 1,1 graos centígrados, fenómeno que se amplifica nas áreas polares. A este ritmo, é posible que en dez anos alcanzaremos o límite máximo global desexable de 1,5 graos centígrados. O aumento non se deu só na superficie terrestre, senón tamén en varios quilómetros cara arriba na atmosfera, na superficie dos océanos e aínda en profundidades por centos de metros. Así se incrementou ademais a acidificación dos mares e reducíronse os seus niveis de osíxeno. Os glaciares se retraen, diminúe a cobertura da neve e sobe constantemente o nivel do mar.
Xa non se pode dubidar da orixe humana do cambio climático. A concentración de gases de efecto invernadoiro na atmosfera, que provoca o quecemento da terra, mantívose estable ata o século XIX por baixo das 300 partes por millón en volume. Pero a mediados do XIX, co desenvolvemento industrial, comezaron a crecer. Dende a década dos setenta o aumento acelerouse notablemente, como certificou o observatorio de Mauna Loa, que toma medidas diarias de dióxido de carbono desde 1958. En concreto, máis do 42% do total das emisións netas a partir do ano 1850 producíronse despois de 1990 e neste 2023 alcanzouse o máximo da historia de 423 partes por millón.
Na medida que millóns de persoas, comezando polas máis vulnerables, están a sentir os seus efectos no ámbito da saúde, o emprego, o acceso aos recursos, a vivenda ou das migracións forzadas debido ao aumento do nivel do mar, ás secas e outros fenómenos que afectan o planeta, actuar neste eido con responsabilidade ten un compoñente ético.
Durante a pandemia do covid-19 constatouse unha vez máis que o que ocorre en calquera lugar do mundo ten repercusións en todo o planeta, así como a evidencia de que “todo está conectado” e “ninguén se salva só”.
O ben, como o amor, a xustiza e a solidariedade, han de ser conquistados cada día. Para que haxa avances sólidos e duradeiros deben favorecerse os acordos multilaterais entre os Estados que preserven os dereitos e coiden de todos. Tendo en conta ademais que unha baixa porcentaxe máis rico do planeta contamina máis que o 50% máis pobre de toda a poboación mundial e a emisión per cápita dos países máis ricos é moitas veces maior que a dos máis pobres, os primeiros son quen deben dedicar máis recursos para reverter esta situación, contendo con decisión a ambición ilimitada dos poderes económicos.
O conxunto do universo, coas súas múltiples relacións, amosa mellor a inesgotable riqueza de Deus. Por conseguinte, para ser sabios, necesitamos captar a variedade das cousas nas súas múltiples relacións; non sendo irrelevante que a crise climática, neste camiño de sabedoría, poña en risco a vida de tantos seres.