Hoxe foi San Xoán. Digo “foi” porque cando se publique isto probablemente será xa mañá. San Xoán é unha festa moi popular en toda España e, sen dúbida, un dos santorais máis prolíficos, pois case que todos temos un avó, un pai, un tío, un irmán, un fillo, un sobriño ou un neto a quen felicitar este día, se é que non somos nós os felicitados. Juan é un dos nomes máis comúns en España: o sexto en 2022, segundo o INE. Nos EEUU mesmo úsase o alias “John Doe” (Xoán Ninguén) para se referir a alguén descoñecido, o que en España chamamos “Fulano de Tal”. Que cinéfilo non lembra Meet John Doe (titulada en España Juan Nadie), a marabillosa película dirixida en 1941 por Frank Capra e protagonizada por Gary Cooper?
Mais o San Xoán que celebramos hoxe refírese a alguén ben coñecido –San Xoán Bautista–, que de anónimo, e sobre todo de corrente, non ten nada. Xesús dixo del que era “o home máis grande nacido de muller”. Foi o único dos profetas de Israel que sinalou persoalmente o Mesías e que incluso o bautizou –bautizar o autor do bautismo, menuda fazaña!–. Un home valente que morreu mártir, por reprochar ao rei Herodes Antipas que se casase con Herodías, a exmuller do seu irmán. O seu nome está ligado ao de Salomé, a filla de esta, pois foi ela quen, aconsellada pola súa nai, pediu a Herodes a cabeza do Bautista cando o tetrarca lle ofreceu o que quixese como premio por bailar para el. Como é sabido, Salomé ten dado lugar a moitas páxinas memorables na historia da arte, da literatura, do teatro, da ópera, do cine e mais da música.
Pero para a gran maioría da xente, San Xoán é sobre todo esa noite de troula coa que se inaugura o verán e que se asocia á sardiña, ao lume e a un feixe de tradicións máis ou menos máxicas. En Galicia, o que máis ou o que menos saltaría anoite algunha cacharela –tamén chamadas cacheiras, cachelas, fogueiras, laradas, lumaradas ou luminarias, unha longa lista de sinónimos que dá fe da popularidade do asunto– para eliminar o meigallo, que “habelo hailo”. O que non sei é cantas das outras vellas tradicións vencelladas ao San Xoán perduran aínda na nosa sociedade posmoderna: queimar desexos e pensamentos negativos, bañarse no mar a medianoite, lavarse a faciana pola mañanciña coas herbas aromáticas deixadas en auga durante a noite anterior…
En fin, unha festividade na que se mesturan tradicións pagás e cristiás e que vén a certificar o inicio do verán. Unha excelente escusa para desexarmos felicidade a tantos familiares e a amigos; para gorentarmos a sardiña; para recuperarmos tradicións e crenzas dos nosos avós; e para meditarmos sobre o que San Xoán Bautista aínda pode dicirnos aos homes de hoxe.