viernes. 22.11.2024

A retranca: nin humor nin ironía nin burla

"(...)Da retranca dise adoito que é a característica principal do humor popular galego e tamén identifícase a miúdo coa ironía, ata o punto de que ten sido chamada “a versión galega da ironía” ou simplemente “a ironía galega”. Unha ironía á que, ademais, se enche de burla (...)". 
A vida de Alfonso R. Castelao pasou polo meniño rianxeiro, o rapaz emigrante e retornado, o debuxante e o pintor autodidacta, o médico entregado, o ilustrador que se vale dos debuxos de humor para concienciar os galegos, o funcionario, o profesor de debuxo, o membro das Irmandades da Fala, o escritor e artista.
A vida de Alfonso R. Castelao pasou polo meniño rianxeiro, o rapaz emigrante e retornado, o debuxante e o pintor autodidacta, o médico entregado, o ilustrador que se vale dos debuxos de humor para concienciar os galegos, o funcionario, o profesor de debuxo, o membro das Irmandades da Fala, o escritor e artista.

A retranca, coma a morriña, é un dos conceptos máis vencellados aos galegos por propios e estraños, mais téndese a abusar del e a usalo sen propiedade, confundíndoo ás veces con outros conceptos máis ou menos afíns, como a ironía, a sorna ou mesmo a sátira. 

Da retranca dise adoito que é a característica principal do humor popular galego e tamén identifícase a miúdo coa ironía, ata o punto de que ten sido chamada “a versión galega da ironía” ou simplemente “a ironía galega”. Unha ironía á que, ademais, se enche de burla. 

Na realidade, a retranca non é humor nin ironía, nin burla. Non é humor porque non busca provocar o riso ou o sorriso de ninguén. Non é ironía porque o retranqueiro, aínda que fale cunha segunda intención, como din os dicionarios, non dá a entender necesariamente o contrario do que está a dicir. E non é burla porque quen a usa non o fai nunca para agredir, senón só para se defender. 

En definitiva, a retranca é, como afirma Siro, unha trécola intelectual que nos permite saír dunha situación conflitiva sen nos comprometer; unha habelencia para dicir o que un quere, e non o que os outros esperan, sen que pareza mal. Fai posible que reservemos ou agochemos o que realmente pensamos cando nos piden a nosa opinión de algo sobre o que non nos queremos definir. Ten sempre un carácter autodefensivo, 
nunca ofensivo. 

O mellor exemplo de retranca é a coñecida frase “Por un lado xa ves e por outro que queres que che diga” coa que se responde –sen responder na realidade– a quen nos pregunta o noso parecer sobre unha cuestión determinada. Estamos reservando a nosa verdadeira opinión, pero semella o contrario, que estamos a dicir algo de fundamento. Porque a retranca é unha evasiva que non parece tal, unha resposta que non é resposta 
ningunha, pero paréceo. Velaí o seu mérito. 

Outro bo exemplo de retranca atopámolo nunha das estampas máis famosas de Castelao. Un taberneiro pregúntalle a un paisano: “Que che parece o meu viño?”, e o paisano responde: “Por onde vai, molla e como refrescar, refresca”. O taberneiro quería oír que o seu viño era moi bo. O paisano non di iso, pero tampouco o contrario; e o máis importante é que dá unha resposta que lle permite zafarse da situación e que deixa máis 
ou menos satisfeito ao taberneiro. 

Porén, na práctica a retranca é confundida moitas veces coa sorna, que, sen deixar de ter un certo carácter autodefensivo, conleva xa un tanto de burla e ironía que, como afirma tamén Siro, a converten nunha forma de sátira non moi agresiva –a ofensa menos grave–, que se conforma con burlarse sen ferir. No mesmo Castelao atopamos algúns bos exemplos, como este: “–Os taberneiros non sodes boa xente. –Porque tratamos con 
borrachos”. O estoutro: “–Se os nosos deputados fosen cataláns, sacaban o ferrocarril. –Abondaba que se sentisen galegos”. Moita xente chamaría a isto retranca, pero na retranca xenuína non hai nunca esta crítica velada, esta ironía burlona. 

En conclusión, a retranca non é humor nin ironía nin burla, pero si unha forma de sabedoría popular e colectiva que ten permitido aos galegos sobrevivir durante moitos séculos. 

A retranca: nin humor nin ironía nin burla
Comentarios