jueves. 21.11.2024

Renfe

Levo máis de 30 anos viaxando con frecuencia en Renfe. E cando digo “con frecuencia” quero dicir alomenos 20 veces ao ano. Ao longo de todo este tempo, a empresa pasou de nos chamar “viaxeiros” a “clientes”, e e des que o fixo trátanos cada vez peor.

Levo máis de 30 anos viaxando con frecuencia en Renfe. E cando digo “con frecuencia” quero dicir alomenos 20 veces ao ano. Ao longo de todo este tempo, a empresa pasou de nos chamar “viaxeiros” a “clientes”, e e des que o fixo trátanos cada vez peor.

Xa estou afeito ao recorte (por non dicir o desmantelamento) de liñas e mais frecuencias. Ao atraso de moitos servizos. Aos carísimos prezos (porque son máis ca caros) das cafeterías dos trens, cando as hai. Á desaparición de cantinas e quioscos de prensa nas estacións, mesmo nalgunhas tan importantes coma a de Miranda de Ebro. Ou á desaparición (e isto si que é especialmente grave) do persoal físico nas estacións e nos trens. Ao respecto disto último, contarei unha anécdota persoal: as últimas veces que viaxei de Padrón a Vigo fun sempre gratis, porque na estación de Padrón non hai ninguén que che venda o billete e no tren tampouco vai ningún revisor que che poida cobrar. Preguntei estrañado na estación de Vigo, ao chegar (mesmo me ofrecín a pagar a viaxe aí), e a resposta que me deron deixoume abraiado: “Non se faga problema. É que non temos persoal. Mellor para vostede”.

As últimas veces que viaxei de Padrón a Vigo fun sempre gratis, porque na estación de Padrón non hai ninguén que che venda o billete e no tren tampouco vai ningún revisor que che poida cobrar.

Xa digo que estou afeito a todos estes despropósitos, pero o que me aconteceu onte non me pasara nunca antes e é de récord. Viaxaba de Santiago a Vigo e tiña como asento o 4 do coche 5. Nas pantallas da estación indicábase que o tren viña pola vía 1, pero cunha advertencia: os coches 1 e 2 paraban á altura do sector A, e os coches 3, 4 e 5 á altura do sector B. Fun ata o sector B e nestas chegou o tren. Chamoume a atención que o coche que parou fose o 1. Polo visto, a información da pantalla estaba mal. Corrín entón ata o sector A, pero non vin o coche 5, só o 4. Subín nel coa intención de avanzar cara ao 5 por dentro do tren, pero axiña me dei de conta de que non había coche 5: o tren remataba co 4. Daquela, andei en sentido contrario, cara aos coches anteriores, pensando (algo aburdo, xa o sei, pero perfectamente probable nesta Renfe que nos chama “clientes”) que talvez a numeración dos coches non era correlativa de todo e o 5 se atopaba entre o 3 e o 2, por exemplo, ou mesmo despois do 1, na cabeza do tren. Cando cheguei ao 1, encontrei o revisor. Pregunteille polo 5 e respondeume moi seguro: “Aí, atrás deste”. Pero entón vin que o tren remataba certamente no 1, que aí non había ningunha porta practicable para pasar a outro hipotético coche. O revisor explicouse mellor: “No tren que vai atrás deste”. “No tren que vai atrás? Pero entón hai dous trens?”, pregunteille sorprendidísimo. “Si, vostede tiña que montar no outro tren”. É a primeira vez na miña vida, en máis de 30 anos de usuario de Renfe –perdón, de “cliente”– que vou coller un tren e, non canto dun, chegan dous, sen avisar, e teño que adiviñar que son como se fosen só un e montar no segundo. Todo moi normal e moi lóxico (enténdenme a ironía, non?). A todo isto, cando lle manifestei o meu asombro ao revisor, quen, por certo, non tiña máis de 30 anos, é dicir, aínda non nacera cando eu xa viaxaba con frecuencia en Renfe, respondeume con humildade e resignación: “É que Renfe está como está”.

Pois así estamos.

 

Renfe
Comentarios