jueves. 21.11.2024

Poder elixir

Paso por diante dunha sucursal do banco Sabadell e reparo no cartel autopublicitario que loce na súa fachada: “Poder elixir é o teu poder”. Refírese, claro, a que non todos os bancos son iguais (aínda que si moi parecidos, por certo) e nós, como clientes, podemos escoller con cal traballar.

Paso por diante dunha sucursal do banco Sabadell e reparo no cartel autopublicitario que loce na súa fachada: “Poder elixir é o teu poder”. Refírese, claro, a que non todos os bancos son iguais (aínda que si moi parecidos, por certo) e nós, como clientes, podemos escoller con cal traballar. Pero faime pensar, extrapolando a frase, que encerra unha gran verdade: todos, sen necesidade de sermos Superman ou Batman, temos un gran superpoder: o de poder elixir.

Aínda así, para quen somos indecisos e inseguros ás veces supón un problema, no canto dunha beizón, e prefeririamos non ter que elixir

É, como digo, unha arma poderosísima, sobre todo se temos en conta que, como din hoxe todos os psicólogos, a felicidade non depende do que nos pasa –que a maioría das veces non podemos elixir–, senón de como interpretamos o que nos pasa –que si que podemos elixir case que sempre–. Aínda así, para quen somos indecisos e inseguros ás veces supón un problema, no canto dunha beizón, e prefeririamos non ter que elixir, porque tomarmos decisións pode chegar a causarnos estrés, ansiedade, mesmo anguria. Como lle pasou á muller de Lot, que se converteu nunha estatua de sal por mirar atrás cando fuxían de Sodoma. Igual que se di que os parvos –os faltos de entendemento ou de razón– son máis felices que os demais porque non se dan de conta do que realmente acontece ao seu redor, ás veces estou tentado a crer que aqueles que non poden elixir, como os animais, tamén o son, porque aforran todos eses quebracabezas. Ao respecto, aproveito para facer unha paréntese. Óese moito, por parte de quen teñen mascotas, que os cans son mellores ca as persoas porque son máis fieis, máis leais, máis agarimosos e non sei cantas cousas máis, elevando a categoría moral un comportamento que, no seu caso, se rixe só polo instinto e, xa que logo, non é en absoluto libre, por moito que nos conmova. Eu nunca tiven can, pero me gustan e comprendo perfectamente que sexan tratados coma un membro máis da familia, pero, iso si, coma un membro non humano, senón animal.

Recuperando o fío do artigo, non son poucos os que andan por aí repetindo a falacia de que os seres humanos non somos libres. Digo “a falacia” porque me parece obvio que si o somos. Da mesma maneira que no meu artigo anterior para esta web sinalaba que considero evidente que os seres humanos –e o universo todo– fomos creados por unha intelixencia suprema, creo tamén obvio que somos libres. Afirmar o contrario paréceme un insulto á intelixencia. Chega con mirarnos a nós mesmos a mirar os nosos conxéneres; mirar o que pensamos e facemos acotío. E xa que digo que penso que fomos creados e libres, aproveito para engadir que coido que somos libres, precisamente, porque fomos feitos a imaxe e semellanza desde Deus creador –como di a Biblia–, a diferenza dos animais, que, como apuntaba máis arriba, eles si que non son libres, por máis fieis e agarimosos que sexan.

Se escaravellamos un pouco, axiña veremos que esa teima súa de que os homes non somos libres non é máis ca unha estratexia para se xustificar. 

Os que insisten en que os humanos non temos liberdade adoitan ser nihilistas, pesimistas, mesmo “progresistas”, segundo se autocualifican moitos deles, cunha etiqueta que, a miúdo –e por iso son nihilistas e pesimistas– disfraza unha cultura da morte. Se escaravellamos un pouco, axiña veremos que esa teima súa de que os homes non somos libres non é máis ca unha estratexia para se xustificar. Se as súas accións e os seus comportamentos se corresponden, como digo, coa cultura da morte, entenderemos decontado por que teñen que se xustificar. Farían mellor en imitar os existencialistas, que, aínda que adoitan ser pesimistas, resultan máis razonables: “O home”, dicía Sartre, “está condenado a ser libre. Condenado, porque non se creou a si mesmo e, porén, por outro lado, libre, porque unha vez arroxado ao mundo é responsable de todo o que fai. O home, sen ningún apoio nin socorro, está condenado a cada instante a inventar o home”.

O home, sen ningún apoio nin socorro, está condenado a cada instante a inventar o home.

Curiosamente –ou, mellor dito, consecuentemente–, cando estes “progresistas” nihilistas teñen que concretar o seu pensamento nun proxecto político, erguen réximes totalitarios nos que a primeira vítima é sempre a liberdade (e a mentira, claro). Lembremos, ao respecto, unha anécdota de Lenin. Cando Fernando de los Ríos, comisionado polo PSOE, entrevistouse con el en 1920 en Moscú para trataren sobre a posible incorporación do partido á III Internacional, preguntoulle se non pensaban darlles algunha liberdade aos cidadáns, ao que Lenin contestoulle con outra pregunta que deixaba claro o seu cinismo e ficou para a historia: “Liberdade para que?”.

Si, temos o superpoder de poder elixir. Usémolo ben, para o noso beneficio e o de toda a humanidade.

Poder elixir
Comentarios