miércoles. 04.12.2024

O amor

O autor reflexiona sobre a complexidade da Santísima Trindade, un concepto que a miúdo resulta difícil de comprender. A pesar das aparencias, defende que esta noción se simplifica ao entender que Deus é, esencialmente, amor. Comparando a Trindade coa Sagrada Familia, o autor argumenta que ambas representan comunidades de amor baseadas en relaciones interpersonais.

Xantaba hai uns días cunha amiga e na conversa, non sei por que, porque non falabamos de relixión, saíu colateralmente o tema da Santísima Trindade. A miña amiga, que non é católica –lémbroa mesmo autodefinirse como atea–, aínda que de noviña chegou a ser noviza, repetiu entón entre sorrisos o tópico de que se trata dun asunto absolutamente incomprensible.

A verdade é que eu, coma a maioría dos bautizados, medrei coa idea de que, efectivamente, a Santísima Trindade constituía un tema de moi difícil comprensión. Porén, hoxe, que xa peiteo canas (é un dicir: quen me dera, porque quedei calvo hai uns anos), paréceme un asunto cada vez máis claro, e sen necesidade de saber moita teoloxía: Deus é trino porque é amor, unha comunidade de amor. Xa se sabe que, máis aló do amor a un mesmo (que non é cousa banal nin egoísta), o amor precisa de máis dunha persoa: un ama a outro.

Salvando as distancias, isto da Santísima Trindade recórdame o tamén misterio da Sagrada Familia, outra tríade, formada neste caso non polo Pai, o Fillo e mais o Espíritu Santo, senón por outro pai (Xosé), a Nai (María) e o Fillo (Xesús). Outra comunidade de amor. Deus quixo que o Fillo (a segunda persoa da Santísima Trindade) medrase, como home, nunha familia, e non en calquera familia, senón na mellor, na familia por excelencia, é dicir, nunha familia en que o amor daba forma a todo. Salvando as distancias, como digo, paréceme que ese mesmo amor a tres bandas é o que existe no seo da Santísima Trindade.

E é que, efectivamente, Deus é amor. Lembro que cando era só un rapaz, apenas un preadolescente (debía de ter uns doce anos), unha tarde, na casa, mentres xogaba co meu irmán máis novo, pero tamén co meu irmán máis vello, que xa era un home (tiña trece anos más ca min) e afastárase había tempo da fe católica, el –o máis vello– reparou nun traballo de Relixión que eu acababa de facer para o colexio e que andaba polo medio. Na portada dicía, precisamente, “Deus é amor”, e o meu irmán fixo unha carantoña de desaprobación, una aceno sarcástico. A min doeume, claro, porque iso o escribira eu, pero tamén porque, malia ter só doce anos, xa albiscaba que, en efecto, Deus e amor eran sinónimos.

Remato este artigo reafirmándome nesa convicción. Deus é amor, si, e, xa que logo, o amor é o máis importante e poderoso que hai na vida. Moitas veces lemos na prensa a típica entrevista a unha personaxe famosa na que ao final lle preguntan que é o máis importante na vida para el ou ela. Pois esa é a miña resposta: o amor. E estou certo de que, a pesar de todos os males e de todos os infortunios que nos acontecen, ao final o amor triunfará. Grazas a Deus, todos nós coñecemos, mesmo na casa –por mal que nos fose– persoas que se aman e que aman os demais. Se, por desgraza, non son os nosos pais, si son probablemente un irmán, un curmán ou un tío. Ou un amigo. Exemplos hainos a moreas se os queremos ver. Abramos os ollos e non nos enganemos: o amor existe e, ao final, por moi ameazado que estea, triunfará. Porque Deus é amor.

O amor
Comentarios