sábado. 23.11.2024

Fisterra acolleu hoxe a presentación do proxecto Solpor 4.0, un achegamento desde a tecnoloxía, o audiovisual e a divulgación científica ao sol, que conta co apoio da Xunta no marco do programa O Teu Xacobeo co obxectivo de seguir avanzando do desenvolvemento do astroturismo como complemento perfecto á oferta turística coa que xa conta Galicia.

Así, ao abeiro da 2ª edición deste programa, o proxecto Solpor 4.0 permitirá sumar un novo punto de observación no Albergue Seminario Menor en Santiago de Compostela, situado no barrio de Belvís, un dos lugares mais emblemáticos da cidade no que a posta do sol se refire.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na presentación desta iniciativa, co que se da continuidade ao proxecto Solpor Fisterra, que no marco da primeira edición de O Teu Xacobeo, permitiu por a disposición do público un punto de observación no Hotel O Semáforo de Fisterra, onde cada ano se dan cita milleiros de peregrinos para observar a posta do Sol sobre o Atlántico.

Así, Nava Castro destacou que “grazas a esta iniciativa, Fisterra e Santiago, alma e corazón do Camiño, contan desde hoxe cunha nova porta aberta ao mundo, na que o sol eríxese coma recurso turístico e patrimonial de primeira orde”.

A directora de Turismo de Galicia, destacou, ademais o feito de que esta fin de semana teña lugar o último solpor da Europa Continental, isto é, remata a época do ano en que o noso territorio é o último lugar en que se pon o sol do continente europeo (excepto as illas), “o que engade maior simbolismo a este territorio, onde se une a morte do sol e a prolongación do Camiño de Santiago, que moitos peregrinos continúan ata Fisterra, lembrando a tradición de que camiñar ata a fin da terra”.

O programa O Teu Xacobeo busca a implicación de municipios, empresas e entidades sen ánimo de lucro nun Xacobeo participativo, descentralizado e cunha programación espallada por todo o territorio galego con actividades en máis de 200 concellos. A iniciativa presentada hoxe en Fisterra inclúese entre as 572 apoiadas pola Xunta nas dúas edicións de O Teu Xacobeo cun investimento de case 8 millóns de euros e case 15 millóns movilizados.

'Solpor 4.0'