A Deputación de Pontevedra reafirmou o seu compromiso co turismo sostible durante o foro organizado pola Asociación Española de Directores de Hoteis no Gran Talaso Hotel de Sanxenxo. A deputada de Turismo, Nava Castro, presentou as liñas de traballo da institución provincial para promover a sostibilidade turística, destacando a campaña "Cando volves?", premiada no Japan World´s Tourism Film Festival.
Castro subliñou a importancia de diversificar a oferta turística da provincia, combinando innovación e autenticidade. Mencionou proxectos como Tourist Inside e a Plataforma Intelixente de Destinos, e a aposta por experiencias inmersivas e tecnoloxías dixitais.
A gastronomía foi outro punto clave, destacando a identidade gastronómica da provincia e a súa aposta polo produto local. Castro tamén fixo fincapé na formación e profesionalización do sector, a través de programas como o SICTED e a Q de Calidade, e na importancia de coñecer as necesidades dos turistas e proporcionar información de calidade.
A deputada provincial destacou a necesidade de equilibrar os intereses económicos do turismo coa calidade de vida dos habitantes, mediante unha planificación turística sostible. A Estratexia Rías Baixas 61, elaborada con participación de axentes sociais, é un exemplo desta aposta.
Durante o evento, Nava Castro recibiu o galardón Venusitas como xestora turística, recoñecendo o seu traballo no avance do sector en Galicia. Castro compartiu o premio con todas as persoas que traballan no sector, destacando a importancia da colaboración público-privada.