viernes. 22.11.2024

Galicia intensifica en Lisboa a súa relación coa Comunidade de Países de Lingua Portuguesa

España é Estado Observador Asociado do organismo desde xullo do ano pasado, grazas ao traballo da Xunta, que elaborou os primeiros Plans de Acción e de Promoción da Lingua Portuguesa. Entre os asuntos tratados destacan a canalización das proposicións que veñan dos tres Observadores Consultivos españois na CPLP, que son os tres galegos, isto é, o Consello da Cultura Galega, a Academia Galega da Lingua Portuguesa e a Associação de Docentes de Portugués na Galiza.
2
2

A Xunta deu hoxe un impulso na súa colaboración coa Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP) tras a reunión que mantiveron, na sede do organismo o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, co embaixador Armindo de Brito Fernandes, director xeral da CPLP, e o director de Acción Cultural da Lingua portuguesa da CPLP, João Ima-Panzo.

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE mantivo un encontro previo coa embaixadora de España en Portugal, Marta Betanzos, para coñecer as actividades que se están a desenvolver en relación coa CPLP.
 
España é Estado Observador Asociado do organismo desde xullo do ano pasado, grazas ao traballo da Xunta, que elaborou os primeiros Plans de Acción e de Promoción da Lingua Portuguesa. Entre os asuntos tratados destacan a canalización das proposicións que veñan dos tres Observadores Consultivos españois na CPLP, que son os tres galegos, isto é, o Consello da Cultura Galega, a Academia Galega da Lingua Portuguesa e a Associação de Docentes de Portugués na Galiza.

1
O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, reuniuse hoxe en Lisboa coa embaixadora de España en Portugal, Marta Betanzos, representante diplomática española ante a CPLP.

 
A participación en foros como a Rede de Reservas da Biosfera da CPLP, ou o Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía, como o que se celebrou a semana pasada en Mindelo (Cabo Verde), ou o apoio á candidatura da Academia Galega da Lingua Portuguesa (AGLP) no Conselho de Ortografia do Instituto Internacional da Lingua Portuguesa (IILP). Asemade, cómpre lembrar que a Xunta está a colaborar na organización do curso para docentes de portugués como lingua estranxeira.
 
Jesús Gamallo explicoulle ademais ao embaixador Brito que a Xunta promove a realización de encontros bianuais (fixéronse en 2019 e 2021), coa Comisión Técnica de Promoción e Difusión da Lingua Portuguesa (CTPDLP) e a colaboración entre as industrias creativas para fomentar a produción audiovisual conxunta.

Tamén se referiu  á Lei 1/2014, do 24 de marzo, para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía (a Lei Paz Andrade) e á Lei 10/2021 da Acción Exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia como os alicerces xurídicos que xustifican o achegamento ao mundo lusófono en moitos ámbitos. Así, explicou que o IV Plan Director da Cooperación Galega para o Desenvolvemento recolle como países prioritarios aos Países Africanos de Lingua Oficial Portuguesa (PALOP).

3
Jesús Gamallo e  Armindo de Brito Fernandes.

 
“A participación no ámbito da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa abre moitas posibilidades de cooperación, non só no ámbito lingüístico, senón tamén no eido da cultura, a pesca, ou o comercio. Cómpre aproveitar as nosas avantaxes competitivas neste eixo fundamental da nosa acción exterior” salientou o director xeral ao remate da reunión.
 
A viaxe oficial a Lisboa do director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea rematou coa visita ao Centro Galego de Lisboa Xuventude da Galiza. Alí reuniuse co seu presidente, Jesús Bescos, que estivo acompañado da súa directiva, para coñecer de primeira man as actividades e proxectos que están a desenvolver para a colonia galega residente na capital portuguesa.

Galicia intensifica en Lisboa a súa relación coa Comunidade de Países de Lingua Portuguesa
Comentarios