A produción do Centro Dramático Galego (CDG) Ás oito da tarde, cando morren as nais viaxa esta semana a Portugal, cunha función en Beja, no marco do Festival Internacional de Teatro do Alentejo, e outra en Coímbra. A xira portuguesa do espectáculo que leva a escena o texto de AveLina Pérez, con dramaturxia e dirección de Marta Pazos, forma parte da aposta pola proxección internacional do teatro galego da unidade teatral da Xunta e polo reforzo da colaboración co país luso. Nesta liña, cómpre salientar tamén que o director do CDG, Fran Núñez, se despraza mañá a Viana do Castelo para presentarlle o sistema de teatro inclusivo a Teatro do Noroeste-Viana do Castelo, interesado na ferramenta.
O Festival Internacional de Teatro do Alentejo representa o grande escenario do sur de Portugal, cunha programación de calidade que nesta edición ten España como país convidado. A función de Ás oito da tarde, cando morren as nais insírese neste contexto e terá lugar o xoves, ás 21,00 horas, no Auditorio Pax Julia de Beja.
Pola súa banda, Coímbra acollerá o espectáculo do CDG no Teatro da Cerca de São Bernardo o sábado 14, ás 21,30 horas. Nesta localidade, os días previos á función, a autora do texto, AveLina Pérez, participará en distintas actividades organizadas por Cena Lusófona-Associaçâo Portuguesa para o Intercâmbio Teatral, en colaboración coa compañía de teatro A Escola da Noite e o Teatro Académico de Gil Vicente. Entre elas figura a presentación da publicación Antologia de Teatro Galego Contemporâneo, unha escolma de textos de diferentes autores de Galicia na que se inclúe o que deu pé a Ás oito da tarde, cando morren as nais. O acto contará tamén coa presenza do director do CDG, Fran Núñez.
PRESENTACIÓN
Con Camila Bossa, Sabela Domínguez, Xosé Manuel Esperante, Davide González, María Llanderas, Alba Loureiro e Toni Salgado no elenco, Ás oito da tarde, cando morren as nais regresa aos escenarios galegos en Cedeira, onde foi presentada esta mañá nunha rolda de prensa coa participación de Fran Núñez. Estará do 19 ao 22 de maio no Auditorio Municipal, cunha función para centros de ensino de Secundaria e de Bacharelato o xoves, e sesións para o público xeral o venres e o sábado, ás 21,00 h., e o domingo, ás 19,00. As entradas están xa á venda a través da web ataquilla.com e poderán adquirirse tamén no despacho de billetes.
Grazas ao programa de mobilidade do CDG, veciñanza de Ares e das Somozas desprazarase a Cedeira para gozar do espectáculo. A xira de Ás oito da tarde, cando morren as nais continúa na última semana de maio en Catoira e péchase na Estrada na primeira fin de semana de xuño.
O equipo artístico do espectáculo confórmano Rut Balbís, como responsable do movemento, Hugo Torres, do espazo sonoro, Nuno Meira, da iluminación, e Blanca Añón, da escenografía. Pola súa banda, Pier Paolo Álvaro e Esther Quintas asumen o vestiario e a caracterización, respectivamente. Nas asistencias figuran Iria Azevedo, na de dirección, Pablo Chaves Maza, na de escenografía, Roger Portal Cervera, na de vestiario, e Xandre Vázquez, na de produción.