viernes. 22.11.2024

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, interveu esta mañá na Comisión Sexta do Parlamento de Galicia para explicar as actuacións postas en marcha polo Goberno galego para reter e atraer talento innovador en Galicia. Neste marco, a directora anunciou novas accións que o seu departamento está a poñer en marcha no ámbito da promoción e posicionamento internacional de Galicia como territorio atractivo para desenvolver unha carreira profesional no eido da I+D+i.

Ademais do financiamento para apoiar a contratación deste persoal, Argerey anunciou accións complementarias centradas en prestar un servizo integral para a acollida e soporte ás persoas que desexen establecerse en Galicia, así como en ofrecer mediante unha plataforma en liña o conxunto de capacidades e a oferta de I+D+i dos centros de investigación e tecnolóxicos de Galicia.

A directora da Axencia Galega de Innovación informou tamén sobre a ampliación dos servizos do Programa Oportunius, que ten permitido a contratación de 13 investigadores de excelencia, apoiado a captación de 28 proxectos do Consello Europeo de Investigación (ERC) e uns retornos de 64,7 millóns de euros.  

Así, fixo referencia á ampliación da oferta formativa e de servizos de asesoramento especializados aos potenciais candidatos; a ampliación do espectro do programa a outras accións como as Marie Sklodowska-Curie; o lanzamento dunha campaña a nivel internacional para dar a coñecer as capacidades do ecosistema galego de I+D+i, divulgar os diferentes programas e axudas e poñer en valor a Galicia como un territorio atractivo para desenvolver o potencial profesional das persoas; e establecer acordos con entidades de referencia para que actúen como prescritores fóra de Galicia dos programas de talento.

Ademais das novas actuacións, Patricia Argerey fixo un balance dos distintos instrumentos dos que a Axencia Galega de Innovación dispón para fomentar a formación para desenvolver unha carreira científica en Galicia, así como para facilitar a incorporación de talento científico e innovador no ecosistema galego de I+D+i. Entre os programas de apoio á formación científica, sinalou as convocatorias conxuntas coa Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades de apoio á formación na etapa predoutoral e posdoutoral, o programa de Doutoramento Industrial; o programa de Talento Sénior; ou o programa Investigo, xestionado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

Mención a parte mereceu o programa Oportunius, orientado á atracción, retorno e retención do persoal investigador con maior prestixio da Unión Europea (beneficiario das axudas do ERC). Este programa inclúe oportunidades de contratación e incentivos económicos aos gañadores destas axudas pero tamén apoio económico aos finalistas e formación e asesoramento aos candidatos. Os resultados deste programa mídense non só en científicos excelentes contratados, senón en participación en proxectos ERC (Galicia é a sexta Comunidade Autónoma en número de proxectos e recursos captados) e impacto no desenvolvemento do sistema galego de I+D+i, cunha creación de emprego polo persoal investigador titular de proxectos ERC de 125 persoas; a formación de 96 doutores ou a produción científica de máis de 1700 publicacións.

Galicia, un territorio atractivo para investigar
Comentarios