A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, abre o prazo de inscrición para participar na XXVI Cata dos Queixos de Galicia e na XXII Cata dos Meles de Galicia na que se recoñecerá a calidade dos produtos.
Os interesados en participar poden descargar o documento para anotarse na web da Consellería do Medio Rural e, posteriormente, deberán envialo ao correspondente consello regulador antes do 30 de outubro.
As catas, que terán lugar os días 15, 16 e 17 de novembro, elixirán aos mellores queixos e meles participantes. No caso dos primeiros, poderán formar parte da degustación os queixos elaborados polas industrias inscritas nos rexistros de cada unha das catro denominacións de orixe protexidas de Galicia, que son a DOP Queixo Tetilla, a DOP Arzúa-Ulloa, a DOP Cebreiro e a DOP San Simón da Costa.
Por último, nos meles as tres categorías ás que se poden presentar os participantes son a de Monofloral, a Multifloral e a de Mel de Bosque.
XURADO E PANEL DE CATAS
Este certame contará cun panel de catas, que se encargará de probar e cualificar os queixos e meles, e cun xurado, que será o que valide e supervise o proceso. O grupo de catadores estará composto por un mínimo de sete expertos en análise sensorial que poderán proceder de centros tecnolóxicos e científicos agroalimentarios, dos consellos reguladores ou da IXP Mel de Galicia, e representantes da restauración, distribución e medios de comunicación que estean vinculados cos dous produtos.
Pola súa banda, o xurado contará cun representante da dirección da Axencia Galega de Calidade Alimentaria como presidente e, como secretario, actuará un funcionario do departamento de Promoción da Calidade Alimentaria de dita axencia. Os representantes dos consellos reguladores completarán o xurado.
APOSTA POLA CALIDADE
A través destas catas, a Axencia Galega de Calidade Alimentaria e a Consellería do Medio Rural recalcan a importancia de promocionar, identificar e premiar os mellores queixos e meles como uns produtos dotados dun carácter único e dunha personalidade recoñecible dentro e fóra da comunidade. Así, a organización outorgará un trofeo e diploma que indique o posto acadado, dependendo do lugar e da categoría na que se atopen os participantes.
Este tipo de propostas poñen en valor a calidade dos produtos galegos, algo polo que a Xunta aposta decididamente. Exemplo diso é a nova Lei de calidade alimentaria, que está en tramitación no Parlamento, e que busca dotar aos produtos alimentarios galegos dunha nova dimensión no mercado, máis competitiva e atractiva.