A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza ao longo deste mes de outubro diversas xornadas sobre a planificación e deseño das plantacións de castiñeiros de froito. A iniciativa, na que tamén participa o consello regulador da Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia, está dirixida a propietarios de terreos con castiñeiros ou a persoas interesadas en plantalos.
Así, nas xornadas os asistentes aprenderán a planificar as súas plantacións, coñecendo as distintas variedades, polinizadores ou condicións do solo, así como consellos para o coidado dos castiñeiros, para a súa rega efectiva, para a fertilización ou para facer enxertos. Tamén se lles falará de repoboación, apuntando como se prepara o terreo, técnicas de roza ou de replanteo e de peches perimetrais para as parcelas.
Polo de agora, xa se levaron a cabo tres sesións nos concellos lucenses de Samos e Bóveda e no ourensán de Vilardevós. O resto teñen previsto celebrarse a partir do 20 de outubro nos seguintes municipios:
DATA CONCELLO HORARIO 20.10.2020 O Bolo (Ourense) 17,00 h – 21,00 h 23.10.2020 Folgoso do Courel (Lugo) 10,00 h – 14,00 h 26.10.2020 Lalín (Pontevedra) 11,00 h – 15,00 h 27.10.2020 Palas de Rei (Lugo) 17,00 h – 21,00 h 28.10.2020 Chantada (Lugo) 10,00 h – 14,00 h 30.10.2020 Mondariz (Pontevedra) 18,00 h – 22,00 h
A Xunta aposta pola formación neste sector, dado que a produción de castaña en Galicia, sobre todo en zonas de alta montaña, estímase en 20 millóns de quilos, o que supón preto duns 50 millóns de euros unha vez comercializado o produto. Todos os interesados que desexen participar nestas xornadas formativas deberán remitir un correo electrónico ao enderezo de [email protected].
A acción está integrada no Plan de formación ao agro galego 2020, cuxo principal obxectivo é impulsar o desenvolvemento de actividades formativas, de demostración e información que desenvolve a Consellería do Medio Rural. Con estas accións, preténdese contribuír a que os coñecementos cheguen aos seus últimos destinatarios: agricultores, gandeiros, silvicultores ou representantes da industria agroalimentaria.
Polo tanto, trátase de mellorar a capacitación dos traballadores dos sectores agrario, agroalimentario e forestal en todo o relacionado cos aspectos técnicos e económicos das súas actividades incidindo, cando sexa preciso, na reordenación das producións e no emprego dos métodos produtivos respectuosos coa conservación e na protección do medio.