domingo. 28.04.2024

A Asociación de Periodistas de Galicia (APG) celebrará o próximo 26 de novembro, en Santiago de Compostela, o III Congreso Medios de Comunicación e Igualdade de Xénero, organizado coa colaboración da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, que nesta edición terá como título Igualdade de xénero: clave para un desenvolvemento sostible e a eliminación da violencia”.

O Congreso, que terá lugar no hotel Puerta del Camino, será inaugurado pola titular de Emprego e Igualdade do Goberno galego, María Jesús Lorenzana, que disertará na apertura sobre as políticas para intentar acadar a igualdade de oportunidades e acerca das medidas necesarias na loita contra a violencia de xénero.

A xornada terá ademais cinco salientables relatoras. Durante a sesión de mañá intervirán Elisabeth Werner, presidenta do Grupo de Traballo sobre Igualdade e vicesecretaria xeral da Comisión Europea, co relatorio “Construíndo unha Unión de igualdade: accións da Comisión Europea para a igualdade de xénero”; Ana Bernal Triviño, xornalista, investigadora e profesora da Universitat Oberta de Catalunya (UOC), coa conferencia O xornalismo fronte ao negacionismo da violencia de xénero”; e María Tardón Olmos, xuíza da Audiencia Nacional, coa conferencia “O desenvolvemento xera unha diminución da violencia de xénero?”.

Para a tarde están previstas as disertacións de Lailuma Sadid, correspondente afgana en Bruxelas do xornal belga “Brussels Morning”, co relatorio “Os medios como plataforma para a loita en favor da igualdade de xénero no mundo”; e de Silvia Pérez Freire, doutora en Socioloxía e investigadora da Universidade de Vigo (UVigo), co relatorio “Representación das mulleres nos medios: camiño cara á igualdade?”.

O programa deste III Congreso Medios de Comunicación e Igualdade de Xénero da APG complétase con catro paneis de debate, nos que participarán xornalistas de preto dunha vintena de medios de comunicación galegos e nacionais.

Unha xornalista afgana, no III congreso Medios de Comunicación e Igualdade de Xénero