martes. 03.12.2024

A guía didáctica “Os balnearios de Galicia. Descubre as súas posibilidades para a saúde” é unha iniciativa da Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia, que este ano cumpre o seu 10º aniversario. Editada polo Servizo de Publicacións da USC, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, vén de presentala na Cidade da Cultura; xunto ao director da Cátedra, o doutor Juan Gestal; a decana da Facultade de Ciencias da Educación da USC, Carmen Fernández Morante; a presidenta da Asociación de Balnearios de Galicia, Marisol Espiño, e o seu xerente, Benigno Amor.

A guía está dirixida ao alumnado dos últimos cursos de Primaria e dos primeiros da ESO. Nesta liña, o conselleiro agradeceu á Universidade de Santiago a súa “férrea aposta” por preparar ao alumnado das escolas e institutos para o seu futuro a través de iniciativas como esta guía didáctica “necesaria para a educación dos nenos galegos” ao axudarlles a concienciarse sobre o uso responsable da auga e as súas propiedades mineromedicinais.

O doutor Juan Gestal destacou “a importancia de que as futuras xeracións coñezan xa desde a infancia a importante riqueza de augas mineromedicinais que existe en Galicia e e as súas indicacións para recuperar a saúde e o benestar”. Así, sinalou que “a cura balnearia ten grande utilidade fronte ás enfermidades crónicas, especialmente dos aparellos locomotor e respiratorio, xa sexa como remedio per se ou como terapia coadxuvante das terapias medicamentosas”. Por esta razón, a Cátedra encargoulle ao Grupo de Investigación de Tecnoloxía Educativa do Departamento de Pedagoxía e Didáctica da Universidade de Santiago a elaboración deste “material didáctico interactivo en formato dixital e de alta calidade pegagóxica”.

AVELLENTAMENTO

O doutor salientou que Galicia é unha comunidade moi avellentada que pasou, no que vai de século, de 120 a 154 xubilados por cada 100 menores de 20 anos, e estímase que para 2031 haberá 233 -case 1,5 veces máis xubilados que menores de 20 anos-. “Cunha esperanza de vida que aumentou dez anos, e todo indica que esta será a dinámica predominante nas próximas décadas. Máis anos de vida que é moi importante encher de calidade, loitando con todos os medios ao noso alcance contra as enfermidades crónicas que tenden a aumentar a medida que nos imos facendo maiores, e supoñen mala calidade de vida e unha maior carga para o noso sistema sanitario” -recalcou-.

O uso da realidade aumentada

A Cátedra vai facer entrega de dous exemplares da guía para cada un dos 1.120 centros educativos de Primaria e ESO de Galicia, tanto públicos como privados. O pdf da guía pode descargarse libremente na páxina web da Asociación de Balnearios de Galicia (www.balneariosdegalicia.gal) e do repositorio da Consellería de Educación.

Tal como explicou durante a súa intervención a decana da Facultade de Ciencias da Educación da USC, Carmen Fernández Morante, a finalidade é que esta guía se empregue dentro das actividades enmarcadas nos ámbitos da Educación para a Saúde e do Coñecemento do Medio dos centros educativos, e que axude reflexionar aos máis novos sobre o valor da auga, transmitindo o respecto por un recurso limitado, ao tempo que contribuirá a preservalo. “A guía combina texto, enlaces e códigos QR a través dos que se pode acceder a vídeos e materiais didácticos dixitais. Ademais, mediante o uso da realidade aumentada pódese facer un percorrido polos 21 balnearios galegos a través de calquera dispositivo móbil” -remarcou-.

GALICIA POTENCIA TERMAL

A guía consta de cinco apartados nos que se combinan texto e enlaces con diferentes materiais didácticos dixitais. No primeiro amósase o ciclo da auga na natureza e a súa importancia para a saúde, como identificar os diferentes tipos de auga e coñecer os usos que se lle pode dar para fomentar un consumo responsable. No segundo defínense as augas mineromedicinais, a súa orixe, clasificación e propiedades. No terceiro analízanse as diferenzas entre balneoterapia e hidroterapia e os seus procedementos de aplicación. No cuarto defínese o balneario, os seus usos terapéuticos e de lecer, a cura balnearia, os diferentes métodos de aplicación das augas e os tipos de patoloxías que tratan. Finalmente, preséntase a Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia e as actividades que está a desenvolver.

A presidenta da Asociación de Balnearios de Galicia, Marisol Espiño, puxo de relevo que “con esta guía cúbrese un baleiro no ámbito do ensino e a dilvulgación do termalismo galego entre os máis novos, que deste xeito aprenderán a coñecer mellor un recurso tan representativo da nosa terra como é a auga mineromedicinal”.

No transcurso do acto lembrouse a riqueza en augas mineromedicinais coa que conta a comunidade galega, con mais de 300 mananciais e 21 balnearios dotados de modernas instalacións e medios terapéuticos a prol da mellora da saúde e o benestar.

Unha guía didáctica descubre aos escolares as posibilidades para a saúde dos balnearios