martes. 26.11.2024

O secretario xeral de Política Lingüísitica, Valentín García, participou este mércores na presentación de dúas iniciativas enmarcadas no Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 posto en marcha pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade no marco do Plan de Reactivación cultural. Por unha banda, presentou, a proposta gastronómica Un mantel de contos que destaca pola unión da tradición oral en galego e a gastronomía da man de dous dos lalinenses máis recoñecidos nestes ámbitos, Celso Sanmartín e Diego López ‘Moli’, e do narrador-gastrónomo máis coñecido da literatura galega, Álvaro Cunqueiro.

No acto, o secretario xeral estivo acompañado da concelleira de Cultura lalinense, Begoña Blanco; do cociñeiro Diego López ‘Moli’, de La Molinera, e do responsable da empresa xestora da actividade, Carlos Montilla. A cita cun Mantel de contos desenvolverase o sábado 31 de outubro no vestíbulo do Concello de Lalín, en dúas sesións (a primeira, matutina, de 12,30-13,30h; a segunda, en horario de tarde, de 19,30-20,30h) e con capacidade limitada para 40 persoas, polo que para asistir cómpre reserva previa con confirmación no enderezo [email protected] desde hoxe.

Ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais tamén se levará a cabo a iniciativa audiovisual Triloxía meiga da compañía Queiman e Pousa, co que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade comeza a divulgación dos produtos dixitais creados para o Fondo Xacobeo 21.

O secretario xeral de Política Lingüística remarcou este fondo “permitiu sacar adiante proxectos culturais moi variados en canto a soporte, temática, estilo, público potencial ou tipo -videoclips, pezas teatrais, discos, documentais, filmes de ficción, libros...-, pero todos eses proxectos teñen un nexo común que é o uso e a potenciación da lingua galega”. Xunto co representante da Xunta de Galicia, participaron na presentación dos tres videoclips Miguel Ángel Leis, alcalde de Negreira; José Jesús Novo Martínez, alcalde do Vicedo; a concelleira de Política Social, Igualdade, Cultura e Turismo de Mos, Sara M.ª Cebreiro, e mais a cantante Andrea Pousa e o Bruxo Queiman, creadores do proxecto Triloxía meiga.

A triloxía inclúe os videoclips interpretados por Andrea Pousa Axendados, Camiñares e Alalá meigo, cada un deles dedicado a un dos seguintes elementos da natureza: auga, terra e fogo, respectivamente. O cuarto elemento, o aire, vén representado pola propia cantante e intérprete dos vídeos. Todos tres traballos teñen por obxectivo a divulgación e fomento do patrimonio cultural de Galicia e empregan distintas artes (danza, música, circo...) para alcanzar esta meta. O primeiro dos videoclips, Axendados, é visible desde hoxe no Portal da Lingua Galega e os outros dous serán divulgados nas vindeiras semanas.

PROXECTOS XACOBEO 21

No marco do Plan de Reactivación do sector cultural fronte aos efectos derivados da covid-19, a Xunta de Galicia promove este fondo con 2,5 millóns de euros para a creación dun repositorio de propostas creativas de interese cultural en lingua galega. O devandito repositorio, integrado por contidos tanto virtuais coma de iniciativas presenciais, así como por outros servizos de materiais e produción, persegue os obxectivos de dinamizar a lingua propia de Galicia, inxectar fondos e apoiar artistas, creadores e empresas do eido cultural no contexto da crise da covid-19 e abrir unha vía para a continuidade, viabilidade e visibilidade da oferta e do consumo de propostas lingüísticas e culturais.

Un mantel de contos, aunar lingua e gastronomía