lunes. 25.11.2024

A sanidade dos castiñeiros e da castaña

A conferencia de mañá martes centrarase na sanidade dos castiñeiros e da castaña. Impartiraa Fina Lombardero, profesora titular do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo (Universidade de Santiago). É doutora en Bioloxía con máis de dúas décadas de experiencia traballando no eido das pragas e as enfermidades forestais, centrándose nos últimos anos no castiñeiro. Conta con preto de 100 publicacións nacionais e internacionais neste ámbito e ten participado nunha trintena de proxectos de investigación nacional e internacional no campo da sanidade vexetal.
Fina Lombardero.
Fina Lombardero.
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Lugo, coa colaboración do Campus Terra da Universidade de Santiago (USC), teñen en marcha as XXXIV Xornadas Luis Asorey”. Esta edición titúlase “Os soutos de castiñeiros: ecosistemas multifuncionais” e aglutina unha serie de conferencias gratuítas que se están a desenvolver no salón de actos da Deputación de Lugo (rúa San Marcos, 8), en horario de 19:00 a 21.00 horas. Tamén poden seguirse a través da canle de Youtube da RAGC. As xornadas están recoñecidas pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades como actividade de formación do profesorado non universitario.

A conferencia de mañá martes centrarase na sanidade dos castiñeiros e da castaña. Impartiraa Fina Lombardero, profesora titular do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo (Universidade de Santiago). É doutora en Bioloxía con máis de dúas décadas de experiencia traballando no eido das pragas e as enfermidades forestais, centrándose nos últimos anos no castiñeiro. Conta con preto de 100 publicacións nacionais e internacionais neste ámbito e ten participado nunha trintena de proxectos de investigación nacional e internacional no campo da sanidade vexetal.

Fina Lombardero.
Fina Lombardero.

A experta pon de relevo que o “Plan estratéxico do castiñeiro e da produción de castaña” elaborado pola Xunta de Galicia recoñece ao castiñeiro como una das árbores cunha maior variedade de aplicación e utilidades nos ámbitos rurais, polo que é “un recurso de gran relevancia desde o punto de vista da alimentación (humana, de animais domésticos e da fauna silvestre) e tamén polo seu valor para usos madeireiros”. Ademais, apunta que “o ecosistema creado nos soutos de castiñeiro ten valor como recurso turístico e paisaxístico, actúa como elemento de defensa contra os incendios, protexe o solo e serve de hábitat para numerosas especies”.

Lombardero salienta que todas estas funcións dos soutos de castiñeiro non se poden levar a cabo se os soutos non gozan dun bo estado sanitario. Nesta liña, indica que “desgraciadamente, na actualidade os castiñeiros están ameazados por unha serie de pragas e enfermidades invasoras, introducidas como consecuencia do movemento de material vexetal entre fronteiras”. Destas especies invasoras, sinala que as que están a causar maior dano son a tinta (Phytophthora cinnamoni) o chancro (Cryphonectria parasitica) e a avespiña do castiñeiro (Dryocosmus kuriphilus). Nos últimos anos producíronse avances notables no coñecemento da bioloxía destas especies, polo que se van incrementando as técnicas dispoñibles para reducir o seu impacto.  

O cambio climático está a favorecer a proliferación das pragas

Ademais, a experta afirma que algunhas especies nativas tamén están a cobrar cada vez máis importancia, debido en parte ás condicións cambiantes derivadas do cambio climático e á crecente intensificación da produción da castaña. É o caso da antracnose do castiñeiro (Mycosphaerella maculiformis) e do escolítido Xyleborus dispar. Pola súa parte, os principais axentes daniños da castaña e que están a causar perdas significativas na súa produción son o Curculio elephas, a Cydia splendana e a Pamene fasciana. A castaña vese afectada así mesmo por fungos, en particular polo Gnomoniopsis castanea.

 

Na súa intervención, a investigadora vai abordar os principais problemas sanitarios do castiñeiro e da castaña, aportando recomendacións para reducir o seu impacto.

 

 

INSCRICIÓN para participar gratuitamente en todas as conferencias.

A sanidade dos castiñeiros e da castaña
Comentarios