O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou esta mañá na presentación das primeiras ferramentas resultantes do Proxecto Nós, a iniciativa que traballa en incorporar o galego ás novas linguaxes dixitais. Trátase de tres aplicacións sen precedente en Galicia que permitirán a interacción en lingua galega entre as persoas usuarias e os dispositivos tecnolóxicos.
No acto, que tivo lugar no edificio Fontán da Cidade da Cultura, sede do Proxecto Nós, tamén participaron o reitor da USC, Antonio López; o director do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), Senén Barro; o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Julián Cerviño e a directora do Instituto da Lingua Galega (ILG), Elisa Fernández.
O titular de Cultura referiuse en concreto ao primeiro tradutor neuronal multilingüe feito en Galicia, ao recoñecedor de voz que entende o galego oral e o converte a texto e á aplicación de síntese de voz que, a partir dun texto, é quen de ler en lingua galega. Un exemplo das aplicacións desta última ferramenta xa se puido ver no anuncio institucional que a Xunta de Galicia lanzou polas Letras Galegas 2023, onde “presentamos a primeira locución da historia en lingua galega xerada por Intelixencia Artificial grazas ás capacidades desta iniciativa”, indicou Román Rodríguez.
Estes avances, do que o tradutor xa está dispoñible e os outros dous o estarán nun breve prazo de tempo para que calquera persoa, empresa ou proxecto os poida usar de xeito gratuíto, “permitirán non só reforzar a proxección exterior da nosa lingua, senón tamén a expansión económica do galego como vehículo de comunicación nos mercados globais”, engadiu o conselleiro.
Respecto aos próximos obxectivos, o representante autonómico sinalou que o Goberno galego e a Universidade de Santiago de Compostela “continuarán traballando na recompilación de voces que reflictan a gran variedade fonética e dialectal que existe por toda Galicia”, o que permitirá seguir mellorando os modelos de ferramentas actuais, ao tempo que se desenvolverán novos modelos multilingües en cooperación cos proxectos equivalentes a Nós para o resto de linguas do Estado. Ademais, “queremos fortalecer as aplicacións que se farán en eidos como o sanitario, o educativo, o asistencial...” concluíu o titular de Cultura.
O galego, na vangarda tecnolóxica
Impulsado inicialmente pola Xunta e a Universidade de Santiago, o Proxecto Nós, que foi incluído no PERTE Nova Economía da Lingua, supón o maior investimento directo na promoción do galego de toda a historia de Galicia.
A este traballo a prol da inclusión da lingua galega no mundo dixital e das tecnoloxías súmanse outras accións impulsadas ou apoiadas polo Goberno galego como son a opción de configurar en galego tanto a aplicación musical Spotify como o novo modelo de calculadoras ClassWiz de Casio, así como os acordos con plataformas audiovisuais como Netflix ou Amazon Prime para incluír títulos dobrados ou subtitulados nas linguas cooficiais.