viernes. 22.11.2024

A Xunta de Galicia vén de anunciar os nomes dos gañadores das mellores declaracións de amor en galego presentadas nesta undécima edición do certame Lingua de namorar. Un total de 132 mozas e mozos de entre 14 a 35 anos participaron neste concurso que procura dinamizar o uso da lingua galega entre a xuventude, tanto nas súas relacións persoais como na internet.

Un ano máis, as Consellerías de Cultura, Educación e Universidade e a de Política Social puxeron en marcha esta iniciativa que promove o uso de galego ao tempo que permite amosar o talento literario da mocidade a través de tres categorías, dúas delas para web e unha exclusiva para a rede social Instagram.

CATEGORÍA WEB

Na primeira categoría de idade (categoría A, de 14 a 19 anos) foi galardoado co primeiro premio A flor baixo a neve, da ourensá Carmen Fernández Margusino; seguida do segundo traballo premiado, Amor Contraditorio, da coruñesa Lucía Paz González; e do terceiro, Desde Vilamor ata Fisterra, da tamén coruñesa Laura Sande Vázquez.

Na categoría B (de 20 a 35 anos), os galardóns recaeron en O amor de iglú, do pontevedrés Pedro Rodríguez Villar, que levou o primeiro premio; Dúas Partes que son unha da viguesa Ania Ferrera Longueira, que quedou en segundo lugar; e Filautía, da lucense Andrea López Otero, que se fixo coa terceiro recoñecemento.

Os tres primeiros premios de cada unha destas categorías levaranse un patinete eléctrico, os segundos un tocadiscos retro e os terceiros un reloxo intelixente.

CATEGORIA INSTAGRAM

A terceira modalidade de Lingua de namorar, que se puxo en marcha por primeira vez o ano pasado, foi a dedicada á rede social Instagram, dirixida a rapazas e rapaces de 14 a 35 anos. Nesta categoría a gañadora foi Sofía Muñoz Somoza, de Cambados, coa mensaxe #Pulsión. O premio desta categoría é un patinete eléctrico, de igual xeito que os gañadores das outras dúas especialidades.

Tanto as mensaxes gañadoras como finalistas pódense consultar na páxina web http://xuventude.xunta.es/linguadenamorar e nos Instagram de @XuventudeGalicia e @LinguaGalega.

Premian as mellores declaracións de amor do certame ‘Lingua de namorar’