Galicia foi pioneira en aprobar o Plan Hidrolóxico da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa 2021-2027, que recolle 212 medidas e 1.885 millóns de euros dos cales, o 63% serán achegados pola Xunta.
Así o destacou esta mañá a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, en resposta a unha pregunta no marco da Comisión 2ª do Parlamento galego.
Na súa intervención, a representante autonómica subliñou que deses 1.885 millóns de euros 973 se destinarán, concretamente, a saneamento e outros 560 millóns a abastecemento, sendo o obxectivo último lograr que o 100% das masas da conca de responsabilidade autonómica Galicia-Costa acaden o bo estado.
Teresa Gutiérrez detallou que un total de 110 das 212 medidas previstas con carácter de investimentos disporán de financiamento autonómico, é dicir, máis de 605 M€. Polo tanto, a Xunta asume o 52% das medidas recollidas no plan e o 63% do investimento previsto.
O plan contén, ademais, 79 medidas de carácter normativo para establecer normas adaptadas ás problemáticas actuais do uso da auga, á xestión máis sustentable, ao contexto climático e a garantir un mellor cumprimento dos obxectivos ambientais.
Na súa intervención, a directora de Augas de Galicia salientou o traballo inxente da Xunta para a elaboración do Plan hidrolóxico de Galicia-Costa nos prazos que se tiñan marcado a nivel nacional.
Lamentou, porén, que pese a que o Consello da Xunta autorizou o plan en maio do pasado ano, non foi ata o 24 de xaneiro cando o Goberno de España o elevou ao Consello de Ministros para a súa ratificación, como marca a lei, o que impediu a súa entrada en vigor ata o pasado 10 de febreiro, coa publicación no Boletín Oficial do Estado.
EXPÈDIENTES
Teresa Gutiérrez censurou que o retraso do Goberno central na aprobación dos plans hidrolóxicos das distintas demarcacións teña derivado na apertura dun expediente de infracción a España por parte da Comisión Europea por non ter finalizado a revisión dos seus plans hidrolóxicos no prazo establecido pola Directiva Marco da Auga.
Remarcou, ademais, que a tardanza do Goberno de España en ratificar o Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa no Consello de Ministros supuxo retrasar case nove meses a súa aplicación, o que dificultou a xestión ordinaria de expedientes, imposibilitou avanzar ao ritmo previsto nos obxectivos ambientais fixados no plan e xerou inseguridade xurídica na aplicación da normativa.
CONSENSO
A Xunta realizou un inxente traballo de campo para elaborar o novo plan, que incluíu a revisión e actualización do plan anterior (2015-2021), realizando unha completa análise e primando a participación.
Para isto, acometéronse 55.000 analíticas nas masas de auga con distintos parámetros, físico-químicos, biolóxico e hidromorfolóxicos, para avaliar o seu estado e a súa calidade.
Ademais fomentouse a participación pública, coa divulgación dos contidos e a sensibilización sobre a importancia da protección dos recursos hídricos, acadando un consenso maioritario coa incorporación de achegas recibidas.