O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG)
lamenta o pasamento de Andrés Fernández-Albalat Lois (A Coruña, 1924): “O noso
benquerido compañeiro e decano-fundador do noso colexio nos anos setenta. E
unímonos á dor da súa familia e expresamos o noso acompañamento ante tan
sensible perda”. Mañá martes celebrarase na Coruña un funeral na igrexa
conventual dos dominicos ás 13 horas.
O Colexio de Arquitectos de Galicia outorgoulle
en 2013 o Premio Especial á Traxectoria Profesional na décimo quinta edición
dos Premios COAG, distinción que recolleu nun acto que se celebrou no Teatro
Rosalía da cidade herculina. Daquela, o galardoado lembraba con cariño e, desde a obxectividade que marca o tempo, o seu proxecto
circular para a fábrica
de cerámica e sede do Laboratorio de Formas de Galicia en Sargadelos ou o
estilo industrial da fábrica de Coca-Cola, que desenvolveu xunto co arquitecto
Antonio Tenreiro. Sobre a situación da arquitectura, Fernández-Albalat sostiña
que xa están remitindo os iconos arquitectónicos para dar paso a obras galegas
de calidade, a pesar de que existe “mellor linguaxe que ideas”, segundo engadía
hai seis anos.
A delegación coruñesa, pola súa parte, promoveu
en 2015 a mostra “ANDRÉS FERNÁNDEZ-ALBALAT LOIS, ARQUITECTO”, que recollía
material do seu arquivo, planos orixinais, debuxos, fotografías e demais
documentos de tres obras súas: a fábrica de Sargadelos en Cervo (Lugo), 50
vivendas subvencionadas en Fontán-Sada e o núcleo parroquial de San Fernando en
Santiago de Compostela. O finado deixa un regueiro de obras de todo tipo en
diversos lugares de Galicia.
A decana do COAG, Elena Ampudia, que
destaca da persoa a súa valía, trato afable e humildade, sinala que Albalat foi
un referente para a arquitectura galega e española: “Como arquitecto, foi un
precursor da modernidade en Galicia, un visionario cando deseñou aquel proxecto
de vangarda ideando un eixo urbano A Coruña-Ferrol arredor das rías, e un
mestre dos arquitectos galegos. Ademais foi profesor de moitas promocións na
Escola Técnica Superior de Arquitectura de A Coruña e decano-fundador do noso
colexio, sentando as bases da relevancia profesional, social e cultural da nosa
entidade. Por iso, os arquitectos galegos, que hoxe nos sentimos orfos, temos
una débeda de agradecemento permanente con Albalat”.
Catedrático de Proxectos Arquitectónicos da ETSA
de A Coruña, Albalat fixera dous cursos de Ciencias Exactas en Santiago antes
de titularse en 1956 na Escola Técnica Superior de Arquitectura de Madrid.
Formaba parte do Instituto Cornide de Estudos Coruñeses, Museo do Pobo Galego e
das academias galegas das Ciencias, Belas Artes e a Real Academia Galega, entre
outros organismos e institucións.