O Consorcio
de Santiago acaba de licitar o servizo de mantemento e reparación dos pavimentos do recinto intramuros da cidade histórica
para os vindeiros doces meses por un importe global de 187.095 euros. As
empresas interesadas teñen de prazo ata o vindeiro 9 de marzo para presentar as
súas propostas.
“A pedra que pisas” é un
programa de mantemento do espazo público na cidade histórica impulsado polo
Consorcio de Santiago dende o ano 2007. Oriéntase ao establecemento dunha
dinámica estable de posta en valor, conservación e reparación dos máis de
60.000 metros cadrados de lousados de granito do casco histórico compostelán. Diferentes
equipos de traballo, integrados por canteiros especializados na conservación de
pavimentos históricos, reparan e manteñen ao longo do ano as rúas e prazas,
baixo a planificación da Oficina Técnica do Consorcio.
O
obxecto prioritario deste servizo é garantir a seguridade dos peóns e dos cidadáns
que se moven a pé pola cidade histórica. Con este propósito, un equipo de
canteiros dedícase en exclusiva a reparar de maneira inmediata calquera
situación de risco para os viandantes. “Dáse a circunstancia de que son os
vehículos, en particular os camións de reparto de mercadorías e outros servizos,
os que están a provocar os danos de xeito recorrente sobre as mesmas áreas”
-manifestan os técnicos do Consorcio-.
Os cidadáns poden enviar ao Consorcio fotografías ou comunicacións por escrito respecto á deterioración do empedrado ao enderezo [email protected]. Os técnicos do Consorcio valoran cada caso en particular e a empresa de mantemento encárgase de subsanar o desperfecto.
Este programa
busca ademais garantir a mellor conservación dos lousados, tendo en conta que “o
pavimento da cidade histórica é unha auténtica fachada horizontal de pedra pola
que non só camiñan os cidadáns, senón que tamén discorren as augas cara aos
sumidoiros e, por debaixo da cal, se atopan as infraestruturas indispensables
para garantir a habitabilidade, a produtividade e a competitividade da cidade”
-salientan os técnicos-.