O Consorcio de Santiago ten en marcha unha nova convocatoria do programa 'Terémanter', dirixido ao mantemento e mellora da eficiencia enerxética da envolvente exterior dos edificios da cidade histórica de Santiago, que inclúe ademais as actuacións sobre os elementos especiais de madeira e reixas. O organismo interadministrativo destinará a esta convocatoria un importe global de 300.000 euros. O prazo para solicitar estas axudas remata o vindeiro 2 de marzo.
Esta subvención abrangue as fachadas exteriores ou patios interiores,
cubertas, canlóns e baixantes,
carpinterías e galerías de madeira, portas de entrada aos edificios e reixerías dos inmobles situados no ámbito do Plan Especial de
Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica. No suposto de que sexa imprescindible a
substitución da cubrición para mellorar o comportamento térmico do edificio,
subvencionarase tamén o custo desta substitución. Ademais, inclúense as obras
de mellora do illamento acústico dos inmobles.
Con carácter especial,
e co obxecto de fomentar a mellora das instalacións de pluviais da cidade
histórica, subvencionarase o custo de substitución dos canlóns e baixantes de
pluviais deteriorados, así como os gardacanos e a conexión da instalación á
rede xeral. As axudas inclúen os custos adicionais e indispensables para a
realización das obras como a colocación de andamios; así como os honorarios
profesionais de redacción da documentación técnica e dirección da obra, de
elaboración do Informe de Avaliación do Edificio (IEE) e de redacción do Plan
de Mantemento do edificio de uso de vivenda.
BENEFICIARIOS
Poderán beneficiarse destas axudas tanto as persoas físicas ou xurídicas
como unha agrupación de personas físicas ou xurídicas; propietarias, inquilinas
ou aquelas que teñan algún dereito de uso sobre os inmobles. Tamén poderán ser
beneficiarias as comunidades de propietarios.
O PLAN DE MANTEMENTO
Os inmobles deberán presentar condicións suficientes de seguridade
estrutural e de estanquidade fronte á choiva. Deberán ter unha antigüidade
superior aos dez anos. E terán que estar destinados a vivenda (como mínimo, os
2/3 da súa superficie útil, excluídas a planta baixa e as plantas soto),
comercial en clases I e II, oficinas, industrial, sociocultural, asistencial ou
institucional; segundo a definición establecida na Normativa Urbanística do
Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica.
As solicitudes poderán presentarse no rexistro do Consorcio ou en calquera
outro rexistro. Na avaliación das mesmas valorarase o nivel de ingresos da
unidade de convivencia, que se dispoña dun Plan de Mantemento para o edificio,
así como a incorporación de novos solicitantes. Terase especial consideración
cos inmobles afectados pola contaminación acústica, situados nas zonas
declaradas saturadas de ruído polo Concello de Santiago, sempre que coa intervención
se consiga unha mellora do illamento acústico.
Tamén se terá en conta a superficie en metros cadrados de carpinterías de
madeira, o nivel de catalogación ou de interese arquitectónico do inmoble,
xunto ao seu nivel de ocupación.
ASISTENCIA TÉCNICA
Estas axudas
inclúen tamén a asistencia técnica en todo o proceso. Así, pódese solicitar que
os técnicos do Consorcio elaboren a documentación técnica necesaria para a
realización das obras de pequena entidade, ao tempo que se encargan da
dirección das mesmas e da coordinación de seguridade e saúde.