O alumnado galego de 2º curso de Bacharelato e de 2º curso de ciclos Medio e Superior de Formación Profesional poderá volver ás aulas de xeito voluntario a partir do vindeiro 25 de maio. A decisión tomouse logo da Conferencia Sectorial de Educación, presidida hoxe pola ministra Isabel Celaá, e na que houbo un consenso maioritario en que unicamente se retomen as clases nos cursos superiores que titulan.
Segundo avanzou Celaá, as comunidades recibirán hoxe ou mañá recomendacións sanitarias para a reapertura parcial dos centros educativos e para o desenvolvemento das probas de acceso á Universidade (ABAU). Ademais, a ministra comprometeuse a enviar tamén nos vindeiros días o protocolo sanitario deseñado polo Goberno central para os centros educativos de Ceuta e Melilla, co obxectivo de que poida servirlles de referencia ás comunidades autónomas.
Galicia demandou en reiteradas ocasións un protocolo sanitario específico para o ámbito educativo, avalado polos ministerios de Educación e de Sanidade, como paso previo para organizar a volta as aulas que, segundo estableceu o Goberno central, podería producirse a partir do 25 de maio nas comunidades autónomas que avancen á denominada Fase 2 do plan de reactivación cara á nova realidade.
Para Carmen Pomar, non se entende que diversos sectores económicos dispoñan xa dun protocolo sanitario para a súa reactivación mentres o educativo, que move millóns de persoas en todo o Estado, non o teña a pouco máis dunha semana de poder abrir os centros. A conselleira lamentou a demora do Ministerio no envío do documento e en especial que non puidese ser avaliado conxuntamente na reunión mantida hoxe.
PRÓXIMO CURSO
Canto ao vindeiro curso escolar, a conselleira insistiu na necesidade de que o Ministerio estableza “unha folla de ruta clara que garanta a igualdade no acceso á educación de todo o alumnado”. Neste sentido, confirmou a participación de Galicia no grupo de traballo que, segundo anunciou o Ministerio, se creará proximamente para preparar o curso 2020-21 e que abordará a organización escolar, a programación didáctica e a dotación tecnolóxica adaptadas á situación derivada da pandemia do COVID-19.
OFERTA
Ademais, tal e como se comprometera a Consellería de Educación coas organizacións sindicais na mesa sectorial e despois de facelo xa na Conferencia General da pasada semana, Pomar solicitoulle novamente ao Ministerio o cambio normativo que permita acumular as prazas da oferta de emprego docente de 2020 coa de 2021. A este respecto, desde Ministerio asegurouse que a solicitude ten cabida no decreto que se está tramitar e puxéronse a disposición dos servizos xurídicos da Consellería.
Por outra banda, ante a proposta do Ministerio de anular as bolsas ao alumnado de Formación Profesional que aprazou a Formación nos Centros de Traballo (FCT), a conselleira demandou o mantemento destas axudas apelando á situación de excepcionalidade que estamos a vivir. Por parte do Ministerio asegurouse que xa se está a traballar para resolver esta situación.