jueves. 21.11.2024

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, acompañada da vicerreitora da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Pilar Murias, asistiron hoxe á fase final das especialidades de Moda e Deseño de Xoias do Xuventude Crea 2022, que tivo lugar na igrexa da USC. O santiagués Brais Albor Rodríguez con `Touro Galego’ fíxose co primeiro posto en Moda, mentres que Rebeca García Martínez, da Pobra do Caramiñal, gañou en Deseño de Xoias coa proposta ‘Tick-Tock Collection’.

O resto das premiadas nesta fase final de Moda, na que se deron cita sete aspirantes, foron Antía Vieiro Fernández, de Brión, que coa confección titulada ‘Vaya huevos’ quedou en segundo lugar; e a terceira clasificada foi a pontevedresa Laura Barrós Chans, con ‘Novo Pentaerion’.

Na especialidade de Deseño de Xoias obtivo o segundo lugar Aldara Hernaiz Sánchez, de Padrón, autora de ‘Una vuelta más’; e en terceira posición quedou Evelyn Cacabelos Lores, natural de Vilagarcía de Arousa, coa obra titulada ‘La chica del espejo’. A esta final chegaron seis creacións.

Todas as obras finalistas nestas dúas categorías estarán expostas na igrexa da Universidade de Santiago de Compostela ata o vindeiro 29 de decembro, agás domingos e festivos.

CERTAME CONSOLIDADO 

A directora xeral sinalou que este programa cumpre trece anos ofrecendo á xuventude vías para manifestar as súas inquedanzas en 14 disciplinas artísticas. Neste tempo, máis de 4000 mozos entre os 18 e os 30 anos de idade levan participado neste certame, no que se deron a coñecer arredor de 3000 obras e proxectos creativos. Na edición deste ano 2022 participan un total de 350 artistas con 280 obras que, de novo, contarán con apoio por parte da Xunta de Galicia para dar a coñecer as súas creacións. Compre destacar, ademais, que todas aquelas premiadas ao longo dos últimos anos exhíbense nun museo dixital recen estreado: www.museoxuventudecrea.gal

 As disciplinas que se premian nesta edición son: teatro, música, novela curta, poesía, videocreación, banda deseñada, arte urbana, moda, deseño de xoias, cociña, danza moderna, creación de videoxogos, fotografía e artes plásticas (esta última comprende as modalidades de pintura e escultura). Ademais, como novidade neste 2022, o cambio de nome de graffiti a arte urbana para dar cabida ás diferentes expresións neste ámbito, así como a inclusión da modalidade de música clásica dentro de música.

PREMIOS EN METÁLICO

Xuventude Crea leva aparellado tamén un premio económico. No caso do primeiro premio son 3000 euros en metálico, 1500 para o segundo premio e 1000 o terceiro premio. Así mesmo, contémplase un premio especial de 1000 euros para a modalidade de música clásica dentro da especialidade de música.

Os mellores traballos en moda e deseño de xoias do programa xuventude crea 2022
Comentarios