A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Pontevedra promoven a terceira edición do “Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos”, unha actividade gratuíta destinada a espertar o interese do gran público sobre temas de actualidade científica con repercusión social e impulsar o enorme labor científico levado a cabo en Galicia.
O ciclo consta de dous bloques, un primeiro con seis relatorios impartidos por oito recoñecidos expertos entre abril e xuño, e un segundo bloque con cinco conferencias dirixidas a institutos de Secundaria e Bacharelato durante o inicio do curso académico 2022-202 -de setembro a decembro-.
Mañá xoves, 5 de maio, celebrarase unha nova sesión, ás 19:00 horas, de xeito online -o enlace obtense unha vez rexistrados na páxina web da Deputación-. Estará moderada pola vicepresidenta da RAGC e coordinadora do ciclo, Alicia Estévez. Asistirá ademais a deputada de Cohesión Social da Deputación de Pontevedra, Olga García.
PARA MELLORAR A CALIDADE DE VIDA
Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática de Tecnoloxía Farmacéutica da facultade de Farmacia da Universidade de Santiago e Académica Numeraria electa da RAGC, afondará na tecnoloxía farmacéutica na era da medicina personalizada. Explica que “cada persoa é única. O seu material xenético é diferente e iso condiciona, entre outros aspectos, tanto a susceptibilidade a enfermidades como a súa resposta aos tratamentos farmacolóxicos”.
A experta indica que “o mellor coñecemento das peculiaridades de cada ser humano está a abrir a posibilidade de abordar o coidado da saúde de maneira personalizada. Xunto coa selección do fármaco máis axeitado para unha determinada patoloxía, a análise de en que cantidade, a que velocidade e a que lugar do organismo debe chegar é fundamental para optimizar o efecto farmacolóxico e minimizar os efectos secundarios”.
Tal como salienta a investigadora, os avances recentes no eido da tecnoloxía farmacéutica permiten expor un cambio de paradigma, desde un medicamento igual para todos a medicamentos personalizados en cando a doses, morfoloxía e perfil de cesión, incluíndo a posibilidade de modular o acceso do fármaco ao seu lugar de acción en resposta a determinados biomarcadores que informan sobre a evolución da enfermidade.
“A materialización de medicamentos personalizados é xa posible grazas ás novas estratexias nanotecnolóxicas, á aplicación de procedementos de impresión 2D e 3D e á incorporación de dispositivos electrónicos” -manifesta Carmen Álvarez-. Trátase dun campo que, aínda que incipiente, abre un amplísimo abano de posibilidades de preparación de medicamentos feitos a medida, que van contribuír nos vindeiros anos a mellorar sensiblemente a calidade de vida das persoas.
A inscrición para participar gratuitamente en todas as conferencias debe realizarse a través da web da Deputación de Pontevedra. Os participantes poderán solicitar un certificado de asistencia.