A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou hoxe no Pazo de Fonseca en Santiago o acto do Día da Ciencia en Galicia, no que se homenaxeou ao economista Manuel Colmeiro y Penido (Santiago de Compostela, 1818 – Madrid, 1894), “unha forza de cambio económico e social en Galicia e España”, como ‘Científico Galego do ano 2023’. No evento interviron o presidente da Academia, Juan Lema; e o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López. Asistiron ademais a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; a directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da Universidade de Vigo, Belén Rubio; o secretario do Consello da Cultura Galega, Silvestre Gómez; Francisco Díaz-Fierros, membro da Real Academia Galega; así como académicas e académicos da RAGC e representantes de diversas institucións políticas, educativas, culturais e de investigación galegas.
O presidente da Academia resaltou o feito de que a elección do “Cientítico Galego do Ano” recaeu por primeira vez no ámbito das Ciencias Sociais. “O profesor Manuel Colmeiro é unha personalidade extremadamente activa que xogou un rol clave na Galicia e España da segunda metade do século XIX, nunha etapa particularmente convulsa. O seu legado é enorme nas súas diferentes facetas como historiador, administrativista, xurista, político... pero en especial na súa escolla como científico do ano primou o seu perfil de economista comprometido coa sociedade. Foi un activista social convencido de que o papel transformador da ciencia, neste caso da economía, é o de loitar por unha sociedade máis próspera e xusta. Un obxectivo que compartimos ferventemente” -salientou Lema-.
Durante o evento proxectouse o vídeo “Manuel Colmeiro, unha forza de cambio económico e social”, no que se aborda a traxectoria vital e profesional do homenaxeado. E presentouse a revista da Academia “A Ciencia en Galicia”, dedicada neste número a Colmeiro, e na que se recolle ademais a principal actividade da Academia e os fitos científicos máis relevantes no último ano na nosa comunidade.
Juan Ramón Quintás: “Foi un adiantado ao seu tempo ao propor a eliminación dos foros case medio século antes da súa completa desaparición”
Juan Ramón Quintás, catedrático de Análise Económica e académico da RAGC, impartiu a conferencia “Manuel Colmeiro, un economista gallego en el Madrid decimonónico”. Na súa intervención resaltou que Colmeiro foi un dos mellores expertos na España do século XIX e cun prestixio amplamente recoñecido no estranxeiro nos eidos da Economía, a Historia, o Dereito Administrativo e o Dereito Político. Incidiu no feito de que “foi un adiantado ao seu tempo ao propor a eliminación dos foros, case medio século antes da súa completa desaparición. Foi o primeiro en albiscar o conxunto de medidas que se deberían adoptar para provocar un cambio na constitución agraria e, con iso, eliminar as causas do bloqueo do crecemento agrario e da economía no seu conxunto, pois, na súa opinión, o cambio na estrutura da propiedade e o crecemento da produción agraria alimentarían un incremento dos intercambios comerciais e unha expansión das actividades industriais”.
Ademais, Quintás puxo de relevo que “Colmeiro pedía industrialización e mellores comunicacións porque era consciente de que Galicia estaba a quedar atrás no proceso de industrialización que estaba a vivir España durante o século XIX, e que esta situación afectaba negativamente á economía e ao desenvolvemento social de Galicia. Por iso, avogaba por impulsar a modernización económica a través de políticas que favorecesen o investimento e a industria”. Entre as súas propostas atopábase a necesidade de mellorar as infraestruturas de transporte e comunicacións, como estradas e portos, para facilitar o comercio con outras rexións de España e do estranxeiro; e tamén a educación e a modernización tecnolóxica. Nos seus traballos apostaba por reformas fiscais que permitisen a promoción de industrias locais e a creación de emprego.
“Podería definirse a Colmeiro cunha soa palabra, reformador. Ata o final dos seus días traballou sen descanso, morreu co libro na man. Quería dedicar todo o seu tempo a reformar España. Dotou ao Estado español dunha Administración potente como Estado moderno, nun país turbulento, inestable, nun momento no que os postos se daban por amizade ou por corrupción. Sabía que o que había que facer era ter un funcionariado profesional, un aparato realmente eficaz” -salientou Quintás-. “Foi un gran profesor universitario, comprometido co seu tempo e un activista social obsesionado pola mellora da vida do home mediante a modernización económica, social e política” -concluíu o profesor Quintás-.
Entrega das Medallas de Investigación de Galicia
Entregáronse tamén as cinco Medallas de Investigación de Galicia que concede a RAGC. As persoas distinguidas este ano foron David Posada, medalla Ángeles Alvariño González da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde, catedrático de Xenética da UVigo que está a centrar as súas investigacións na evolución xenómica dos procesos canceríxenos; Jesús F. Salgado, medalla Domingo García-Sabell Rivas da sección de Ciencias Económicas e Sociais, catedrático de Psicoloxía do Traballo e Recursos Humanos da USC, dedicado á mellora dos instrumentos de selección de recursos humanos; Fernando Obelleiro, medalla Isidro Parga Pondal da sección de Ciencias Técnicas, catedrático da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Uvigo, cuxas contribucións científicas están a ter importantes aplicacións nos sectores naval, aeroespacial e defensa; Ricardo Cao, medalla Enrique Vidal Abascal da sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación, catedrático de Estatística e Investigación Operativa na UDC, os seus traballos están a ter repercusión en campos tan relevantes como a computación, xenética, neurociencia, oncoloxía, enerxía ou a matemática financeira; e Aurora Grandal, medalla Antonio Casares Rodríguez da sección de Química e Xeoloxía, directora do Laboratorio de Paleontoloxía Molecular da UDC, cunha intensa actividade no estudo dos mamíferos fósiles dos xacementos galegos, un campo practicamente inexplorado ata o comezo dos seus traballos e no que sempre se amosou moi innovadora.