jueves. 21.11.2024

A Xunta de Galicia dixitalizará entre os anos 2022 e 2023 máis de 105.000 documentos pertencentes ao inventario da Igrexa para poñelos a disposición da cidadanía. Trátase dunha actuación que se fará ao abeiro dos fondos de Mecanismo de Recuperación e Resilencia e que foi acordada na última reunión da Comisión Mixta Xunta-Igrexa presidida polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez.

Os arquivos que se van dixitalizar grazas a un investimento de case 84.000€ pasarán a estar integrados en Galiciana, a biblioteca dixital de Galicia xestionada desde a Cidade da Cultura e que só no pasado ano tivo case 140.000 usuarios que fixeron máis de 5,8 millóns de visitas. Na última década, ademais, este servizo recibiu máis de 35 millóns de visitas e contou con preto de 600.000 usuarios.

Así, os 105.123 documentos, entre os que se atopan fichas co inventario dos bens mobles ou información sobre partes de maior interese artístico e histórico como pinturas, arcos ou inscricións, sumaranse aos xa existentes no repositorio, composto por preto de 2,5 millóns de documentos e máis de 6.800 rexistros bibliográficos dos fondos máis relevantes.

A dixitalización destes documentos permitirá enriquecer o patrimonio bibliográfico dixitalizado da nosa Comunidade ao tempo que se garante a súa preservación e se facilita á cidadanía o acceso a información dalgúns dos bens patrimoniais máis destacados, con documentación detallada sobre o seu inventario e elementos máis singulares.

Investimentos nas seis dioceses

Esta actuación enmárcase no compromiso da Administración autonómica coa preservación e rehabilitación do patrimonio cultural, no que investiu 10,2M€ nas seis dioceses durante o último exercicio. Trátase dun compromiso que continuará vixente o vindeiro ano tal e como se reflicte nos orzamentos do Goberno galego.

Entre as intervencións apoiadas este ano grazas a este investimento figuran obras de restauración como as realizadas no santuario da Nosa Señora das Ermidas, no Bolo; na igrexa de San Pedro, en Lugo; no Colexio do Cardeal de Monforte de Lemos, ou nas catedrais de Ourense, Santiago, Mondoñedo ou Lugo.

Máis de 105.000 documentos bibliográficos do patrimonio eclesiástico se dixitalizarán