viernes. 22.11.2024

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Manuel Rodríguez, recibiu esta semana en San Caetano aos representantes dos diferentes sectores implicados na Indicación Xeográfica Protexida Pan Galego. Este colectivo acudiu á cita co conselleiro logo de entregar no rexistro xeral da Xunta o borrador do regulamento que ha de rexer a actividade desta IXP e o funcionamento do seu consello regulador.

Así, os produtores de trigo, os elaboradores de fariña e os panadeiros presentaron tamén no rexistro a súa proposta para a composición do consello regulador provisional, encargado de poñer en marcha a IXP. O consello regulador terá unha presidencia e dez vogalías, ocupadas tres por representantes do sector produtor de trigo, dúas por representantes dos muíños e cinco por titulares das panaderías.

Este trámite prodúcese despois da publicación no Diario Oficial da Unión Europea (Doue) do pasado día 20 de decembro do Regulamento da Comisión polo que se fai a inscrición definitiva no Rexistro Comunitario da IXP, o que supuxo a protección deste produto no ámbito europeo. Foi posible logo dun proceso iniciado oficialmente en 2015 pola Federación Gallega de Asociaciones de Fabricantes de Pan (Fegapan) -se ben os traballos para acadar este logro viñan de anos atrás- e no que sempre contaron co apoio do Goberno galego. Está previsto que nas vindeiras semanas se aprobe e publique no Diario Oficial de Galicia a orde pola que se aproba o regulamento da indicación e do seu consello regulador. A partir dese momento abriranse os diferentes rexistros (de produtores de trigo, de muíños e de panaderías) e intensificaranse os traballos para conseguir que durante este ano xa se poida atopar no mercado pan identificado como Pan Galego.

Neste encontro, o conselleiro agradeceu aos representantes do sector o seu esforzo para impulsar esta indicación, que grazas a ese traballo e ao apoio da Consellería do Medio Rural se converte na última incorporación ao club dos produtos galegos amparados por selos de calidade diferenciada.

José González puxo en valor a aposta da Xunta pola calidade como un dos piares nos que se sustenta o futuro do rural e lembrou que na última xuntanza do Consello do Goberno galego acordouse potenciar a marca Galicia Calidade co obxectivo de que a produción da nosa industria agroalimentaria gañe en competitividade nos mercados. Así, destacou o conselleiro, este será un selo que englobará, identificará e potenciará os produtos galegos con denominación de orixe, indicación xeográfica protexida ou que cumpran requisitos de excelencia en produción ou transformación, entre os que se atopa o pan galego.

TRADICIONAIS

Debido á necesidade de valorizar as panaderías tradicionais e o seu produto, púxose en marcha o proxecto para a creación desta IXP. A Xunta e o sector agardan que esta medida beneficie a un gran número de pequenas panaderías distribuídas por todo o territorio, nomeadamente nas zonas rurais. Ademais, esta indicación vai servir para incentivar o cultivo de trigo en Galicia, o que terá un impacto positivo na mellora das rendas dos agricultores, na recuperación do rural e mesmo para anticiparse aos incendios forestais, ao actuar os terreos de labradío como barreira contra os lumes.

As características que deberá ter o pan para poder acollerse a esta IXP están recollidas no texto da norma que se vai aprobar. Trátase, segundo se describe, dun pan de codia dura e triscante, miga esponxosa e alveolado abundante e irregular, que se elabora de forma artesanal con fariña de trigo brando, da cal unha parte –como mínimo o 25%– debe proceder de trigos cultivados en Galicia, pertencentes a variedades e ecotipos autóctonos galegos.

Ademais, a súa elaboración caracterízase pola utilización de masa nai e dunha elevada cantidade auga, e polos longos tempos de fermentación e cocción, esta última sempre en fornos con soleira de pedra ou outros materiais refractarios.

A normativa desta IXP establece tamén os diferentes formatos tradicionais que se admiten, como o bolo ou fogaza, a rosca, a bola ou torta e a barra, e os rangos de pesos que poden ter as pezas. A maiores define as características da codia e da miga, así como o aroma e o sabor do produto. Outra das características desta IXP é a súa presentación en envases individuais que incluirán o seu logotipo.

Máis cerca a certificación de Indicación Xeográfica Protexida para o Pan Galego