A Xunta constata o asentamento nos soutos galegos do parasito Torymus sinensis, empregado desde o 2015 para o control biolóxico da praga da avespiña do castiñeiro (Dryocosmus kuriphilus). Así, unha vez analizados 1.200 puntos de recollida de mostras de bugallas tras as soltas de 2021, recuperáronse 8.803 exemplares de Torymus, fronte aos 3.158 recollidos en 2020 e os 4.551 do período 2016-2020.
En concreto, nas análises de bugallas de 2021 recuperáronse Torymus sinensis en practicamente a totalidade dos puntos de mostraxe (95%), cun grao de parasitación superior ao 10% en case todas as cuadrículas, chegando a porcentaxes mesmo do 92%. En comparación co ano anterior, a media de Torymus sinensis recuperados por punto de mostraxe aumentou dos 2,63 exemplares no 2020 ata os 7,33 no ano 2021 (case o triplo), o que supón que a poboación de Torymus está xa establecida e que a loita biolóxica contra a avespiña do castiñeiro está a dar resultados.
Con estas cifras sobre a mesa, a pasada primavera soltáronse 1,2 millóns de individuos de Torymus sinensis. Estas soltas -para as que se consignou un orzamento de preto de 1,7 millóns de euros- realizáronse en masas continuas de castiñeiro e concentrouse o número de individuos con respecto a anos anteriores, co fin de establecer poboacións estables que logo colonizarán o resto de masas.
As soltas de Torymus sinensis realizáronse na rede de puntos de solta fixada no ano 2020 (7.394 puntos repartidos en 141 cuadrículas que cobren o total da comunidade). Para a distribución dos parasitos en cada unha das cuadrículas e puntos, tívose en conta o resultado dos inventarios de bugallas dos anos anteriores. Así, en xeral, cubríronse con maior intensidade os puntos onde aínda non se recuperaron Torymus nos dous últimos inventarios, axustando segundo o número de individuos recollidos en 2020 e 2021, de maneira que se intensificou a solta nos puntos con recuperacións de menos de tres parasitos e diminuíu naqueles puntos con maiores recuperacións de individuos.
Deste xeito, priorizáronse un total de 5.630 puntos. Ao contarse este ano con 5.715 caixas con 210 individuos cada unha, isto quere dicir que quedaron dispoñibles 85 caixas para realizar reforzos ou mangas para o establecemento do Torymus nas zonas de gran valor produtivo, segundo as necesidades detectadas.
Para o ano 2023 manterase un reforzo de 359.940 individuos, nos puntos nos que non se recuperaron Torymus sinensis neste ano, nas cuadrículas que presentan unha baixa parasitación e nas zonas nas que se observe a presenza de moitas bugallas na campaña de recollida deste outono. Nesa liña, a prioridade na apertura das bugallas, que realiza a Estación Fitopatolóxica do Areeiro, será comezar polas dos puntos con poucas recuperacións no 2021, precisamente para poder realizar a planificación de soltas de cara ao ano 2023. Cómpre engadir que nas primeiras aperturas destas bugallas estanse atopando Torymus sinensis.
OITO ANOS DE LOITA BIOLÓXICA
Dende o ano 2015 que se comezou con este sistema natural, a Xunta liberou uns 7 millóns de individuos de Torymus sinensis por toda a xeografía galega, o que supuxo un investimento da Xunta de preto de 10 millóns de euros. Arestora trátase do único método existente para loitar contra a avespiña do castiñeiro e, de feito, o resultado deste tipo de soltas amosa a efectividade desta medida, que está sendo un referente noutras comunidades autónomas e mesmo noutros países.
Cómpre sinalar que o Goberno galego colabora con diversas cooperativas agrarias e asociacións para realizar as soltas de xeito totalmente coordinado co sector en masas do seu interese, co fin de recuperar o seu valor potencial. Nesa liña, cabe lembrar tamén que a produción de castaña en Galicia, sobre todo en zonas de alta montaña, estímase en 20 millóns de quilos, o que supón preto duns 50 millóns de euros unha vez comercializado o produto. De aí a importancia de seguir apostando por un método capaz de frear o avance e diminuír os danos que ocasiona a praga da avespiña nos castiñeiros, sen esquecer o altísimo valor ecolóxico, histórico e cultural destes hábitats.
PLAN FORESTAL DE GALICIA
A loita biolóxica contra a avespiña do castiñeiro enmárcase na 1ª revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”, concretamente no eixe relativo á protección, sanidade forestal e prevención e defensa contra os incendios forestais e, dentro del, no obxectivo programático de saúde e vitalidade forestal.
Así, ao abeiro dese obxectivo, contémplase a elaboración e aplicación do Programa de saúde e vitalidade forestal de Galicia como a ferramenta de planificación operativa da sanidade forestal que manteña a capacidade produtiva dos nosos montes e asegure a persistencia das formacións forestais naturais cun nivel de danos reducido. Nese contexto, prevese a continuación e reforzo das liñas actuais da Administración autonómica sobre control biolóxico, entre elas a do Dryocosmus kuriphilus.