A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrará mañá mércores, 9 de novembro, o acto de ingreso de María Loureiro García, catedrática de Fundamentos da Análise Económica da Universidade de Santiago (USC), como académica numeraria da Sección de Ciencias Económicas e Sociais da institución. Será no compostelán Pazo de San Roque, ás 19:00 horas. A investigadora pronunciará o seu discurso de ingreso, titulado “Economía para tempos nos que o benestar das persoas e o medio ambiente importan”, que será contestado en nome da RAGC polo académico e presidente do Consello de Contas José Antonio Redondo López.
O presidente da RAGC, Juan Lema Rodicio, abrirá o acto, ao que asistirán outros académicos da institución, así como a conselleira do Mar, Rosa Quintana; o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; o vicerreitor de Política Científica da USC, Vicente Pérez Muñuzuri; a presidenta do Consello de Cultura Galega, Rosario Álvarez; o fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz; e o comandante director da Escola Naval Militar de Marín, Pedro Cardona; xunto a outros representantes de diversas institucións políticas, culturais e académicas galegas.
Investiga nos campos da economía da enerxía, ambiental e agraria; figurando no top 3% dos economistas en España e no top 4% dos da Unión Europea
María Loureiro García (A Pontenova-Lugo, 1972), licenciada en Ciencias Económicas pola Universidade de Santiago, doutorouse na Universidade Estatal de Washington. Foi profesora na Universidade Estatal de Colorado, na Universidade Carlos III de Madrid e investigadora sénior no Instituto de Investigación de Economía Agrícola de Noruega.
As súas liñas de investigación dentro do Departamento de Fundamentos da Análise Económica da USC están vencelladas á economía da enerxía, economía ambiental e economía agraria. Ten participado e dirixido máis dunha trintena de proxectos de investigación, participado nunha vintena de contratos de investigación de especial relevancia con empresas e administracións e en máis dun centenar de publicacións. Nos derradeiros dez anos dirixiu oito teses de doutoramento.
No relativo á transferencia de coñecemento da súa investigación, o seu traballo de valoración de impactos ambientais foi utilizado no xuízo polo desastre do Prestige. Este feito permitiu que, por primeira vez en España, se valorase con técnicas propias da economía ambiental unha catástrofe ambiental deste calibre. Tamén participou no estudo “España 2050”, solicitado polo Goberno de España, onde máis de 80 investigadores ofrecían unha visión de prospectiva independente sobre a economía e sociedade española no ano 2050. Loureiro está incluída na lista do 2% de científicos de maior impacto mundial, a denominada “lista de Standford”; tamén figura no top 3% dos economistas en España e no top 4% dos da Unión Europea.
Foi adxunta ás vicerreitorías de Internacionalización e Investigación da Universidade de Santiago (2016-2018), secretaria da Escola de Doutoramento Internacional da USC (2014-2016) e coordinadora do Programa de Máster de Economía da USC (2012-2014). Desde 2014 é a coordinadora pola USC do programa de Doutoramento Interuniversitario de Análise Económica e Estratexia Empresarial. É a investigadora principal do Grupo de Análise Xurídico-Económica da USC, ademais de membro do Grupo de Innovación Docente do Programa de Formación e Innovación Docente da Universidade de Santiago.
A homenaxeada foi vicepresidenta da Asociación Europea de Economistas Ambientais e de Recursos, secretaria e tesoureira da Asociación Hispano-Portuguesa de Economía dos Recursos Naturais e Ambientais (AERNA). É membro da Asociación Estadounidense de Economía Agrícola e da Rede Nacional de Economía Experimental. Recibiu o premio de AERNA ao mellor artigo científico publicado en 2018-2019, o I Premio de Investigación en Economía de Galicia “Valentín Paz Andrade” e o Premio Eugenio Montero Ríos para Investigadores Novos en Ciencias Sociais (Xunta de Galicia, 2006).