A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrará mañá xoves, 16 de novembro, o acto de ingreso de Carlos Diéguez González (San Xoán de Río - Ourense, 1955), catedrático de Fisioloxía da Universidade de Santiago, como académico numerario da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde da institución. Será no compostelán Pazo de San Roque, ás 19:00 horas. O investigador pronunciará o seu discurso de ingreso, titulado “Máis aló do hipotálamo: unha viaxe compartida”, que será contestado en nome da RAGC polo académico Manuel Freire Rama, catedrático de Bioquímica e Bioloxía Molecular da USC.
O presidente da RAGC, Juan Lema Rodicio, abrirá o acto, ao que asistirán outros académicos, así como o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; a vicerreitora de Política Científica da Universidade de Santiago, Pilar Bermejo; o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da Universidade da Coruña, Salvador Naya; o xerente da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), Antonio Fernández-Campa; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; xunto a diversos representantes de institucións políticas, culturais e académicas galegas.
Referente mundial no campo da neuroendrocrinoloxía
Carlos Diéguez doutorouse na facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela en 1993. Ao longo da súa traxectoria centrou o seu labor investigador particularmente no campo da Endocrinoloxía e a Nutrición. Nos últimos 30 anos esta actividade reflectiuse en máis de 500 traballos en revistas internacionais; 58 deles publicados en Endocrinology e 46 no Journal of Clinical Endocrinology and Metabolism, ámbalas dúas da Sociedade Americana de Endocrinoloxía. Tamén publicou noutras revistas transdisciplinares de alto impacto como Lancet, Nature Medicine, Physiological Reviews, Trends in Neuroscience, Trends in Molecular Medicine, EMBO Journal…
É un científico altamente citado -máis de 58.000 veces- e é convidado con frecuencia a impartir conferencias en prestixiosos congresos internacionais como o Congreso Mundial de Endocrinoloxía, Congreso Europeo de Endocrinoloxía, Congreso Internacional de Neuroendocrinoloxía, Europeo de Farmacoloxía, Europeo de Neuropsicofarmacoloxía, Mundial de Fisioloxía, Europeo de Obesidade, entre outros moitos. Na súa traxectoria dirixiu unha trintena de teses de doutoramento.
Entre os seus recoñecementos, recibiu o Premio de Investigación da Xunta de Galicia en Ciencias da Saúde, Premio Hypocs (galardón de ámbito mundial destinado a premiar un labor investigador de excepcional relevancia en neuroendocrinoloxía), Medalla da Sociedad Española de Endocrinología, Premio Novoa Santos ou o Premio Geoffrey Harris da Sociedade Europea de Endocrinoloxía, entre outros. É membro do comité científico de diferentes institucións de investigación biomédica.