sábado. 23.11.2024

Galicia, terceira mellor posicionada no conxunto do Estado na baixada porcentual do desemprego respecto dun ano atrás

Con 129.504 persoas, Galicia anotou no peche do ano 2023 a cifra máis baixa de parados nun decembro de toda a serie histórica, que data de 1996. É a primeira vez nestes 27 anos que a comunidade despide o exercicio con menos de 130.000 persoas en desemprego. No duodécimo mes descendeu un 8,94% o paro con respecto a decembro de 2022 e un 1,27% fronte a novembro de 2023. 
Empresa metalúrxica. ARQUIVO.
Empresa metalúrxica. ARQUIVO.

Con 129.504 persoas, Galicia anotou no peche do ano 2023 a cifra máis baixa de parados nun decembro de toda a serie histórica, que data de 1996. É a primeira vez nestes 27 anos que a comunidade despide o exercicio con menos de 130.000 persoas en desemprego. No duodécimo mes descendeu un 8,94% o paro con respecto a decembro de 2022 e un 1,27% fronte a novembro de 2023. A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, fixo hoxe balance dos novos rexistros e destacou o bo comportamento do paro rexistrado entre os colectivos prioritarios para a Xunta de Galicia.

Lado indicou, así, que o desemprego en menores de 30 anos e en mulleres situouse no seu mínimo para un último mes de ano desde que existen datos para comparar (2005), con 14.308 e 74.793 persoas respectivamente. Tamén neste peche de ano o paro de longa duración descendeu máis do 3% respecto de doce meses atrás.

A directora xeral remarcou, porén, a importancia da baixa do desemprego en decembro de 2023 con respecto ao mesmo mes do ano precedente, nas catro provincias galegas, nas sete grandes cidades e en todos os sectores de actividade. Neste último caso, liderou a baixada a industria (-13,42%),  seguida da construción (-12,74%).

A comunidade é a terceira mellor posicionada no conxunto do Estado en canto ao descenso porcentual do desemprego o pasado decembro respecto do mesmo mes do ano 2022, e a cuarta se se ten en conta a redución en número de persoas.

Galicia conta con 1.062.283 cotizantes, un nivel superior ao de hai 15 anos.

“Nun momento como o presente é clave seguir a dar resposta ás vacantes laborais que continúan a existir en diversos sectores económicos”, indicou Lado, quen destacou a  formación de calidade e a optimización dos servizos de busca de emprego como “esenciais” para identificar as necesidades do mercado de traballo e poder dar resposta aos perfís que demanda. 

Lado subliñou que todas as administracións deben camiñar unidas para apoiar ás persoas que están traballando e ás que buscan un emprego cun obxectivo único: “Mellorar a competitividade das nosas empresas e contribuír ao crecemento económico de Galicia”, rematou.

Galicia, terceira mellor posicionada no conxunto do Estado na baixada porcentual do...
Comentarios