jueves. 21.11.2024
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Lugo, coa colaboración do Campus Terra da Universidade de Santiago (USC), teñen en marcha as XXXIV Xornadas Luis Asorey”. Esta edición titúlase “Os soutos de castiñeiros: ecosistemas multifuncionais”, a través dunha serie de conferencias gratuítas que se están a desenvolver no salón de actos da Deputación de Lugo (rúa San Marcos, 8), en horario de 19:00 a 21:00 horas. Tamén se poden seguir a través da canle de Youtube da RAGC. As xornadas están recoñecidas pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades como actividade de formación do profesorado non universitario.

O ciclo conclúe mañá mércores, 22 de novembro. Nesta derradeira sesión, o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural, José Luis Chan, abordará o Programa Estratéxico do Castiñeiro e da Produción de Castaña. Salienta que “Galicia é a principal rexión produtora de castaña de España, cun datos anuais de produción estimados en torno aos 20 millóns de quilos, que se traducen en máis de 30 millóns de euros percibidos polos produtores e que xeran un valor superior aos 70 millóns de euros en comercialización unha vez transformados. Tamén é de destacar o potencial produtivo micolóxico e de madeira. Ademais desta enorme importancia produtiva, están os valores sociais, ecolóxicos e  culturais que achegan á nosa sociedade as formacións arborizadas desta especie”.

O Programa Estratéxico do Castiñeiro e da Produción de Castaña, aprobado o pasado ano, busca contribuír á conservación e posta en valor das masas de castiñeiro na nosa comunidade, así como á creación de soutos novos no período 2022-2040. Entre o total de 36 actuacións previstas, 21 delas están marcadas como prioritarias e deberán iniciarse antes de 2025. “A priorización destas actuacións centra o arranque da execución do Programa sobre todo nos tres primeiros eixes de intervención, relativos á planificación e seguimento da produción, melloras na investigación e transferencia, e fomento do castiñeiro como árbore produtora de froito e madeira” -indica o director xeral-.

En Galicia existen na actualidade 50.000 hectáreas de castiñeiro

Na nosa comunidade existen na actualidade unhas 50.000 hectáreas de castiñeiro, a maior parte nos distritos forestais da Fonsagrada-Os Ancares, Terra de Lemos e Valdeorras-Trives. O Programa da Xunta de Galicia prevé até o ano 2025 a creación de 3.500 novas hectáreas de soutos produtores de castañas de calidade, a restauración doutras 2.000 hectáreas de soutos produtores de castañas, xunto á plantación de 2.000 hectáreas de castiñeiros produtores de madeira de calidade. No horizonte temporal de 2040 prevese recuperar 8.000 hectáreas de soutos tradicionais e plantar outras 16.000 hectáreas novas, 8.000 para froito e 8.000 para madeira.

José Luis Chan explica que, en particular, a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal desenvolve, entre outras actuacións, medidas de fomento para a recuperación de soutos e novas plantacións, a través de liñas de axudas públicas. Tamén ten en marcha medidas de control fitosanitario e loita biolóxica, dándolle especial prioridade á loita contra os perforadores da castaña e a avespa do castiñeiro, así como ao control do cancro mediante o uso de cepas hipovirulentas, e mellorando a actuación da Rede Galega de Seguimento de Danos e da Rede de Avisos de Sanidade Forestal. Ademais, sinala que se está a promover o aproveitamento conxunto dos terreos forestais coa implicación dos titulares de soutos tradicionais de castiñeiros, agrupacións, asociacións..., na procura dunha maior efectividade.

 

INSCRICIÓN para participar gratuitamente nestas conferencias.

Galicia disporá en 2025 de 3.500 novas hectáreas de soutos produtores de castañas de...
Comentarios